top of page

BNG: "Tan só o 8% das hectáreas das parcelarias en Lalín remataron o proceso nas últimas décadas"

Anuncia que solicitará que os procedementos xa comezados se aceleren o máximo posible, cos orzamentos necesarios para levalas a cabo coa maior axilidade


Ecos da Comarca/Lalín

A concelleira lalinense, Ariadna Fernández, achega datos alarmantes sobre a lentitude na evolución das concentracións neste municipio, co que iso implica no desenvolvemento da actividade agrogandeira, piar fundamental na economía do concello e da comarca.

"Os datos dos procedementos de concentración parcelaria de Lalín son alarmantes"

segundo o BNG, "con algo menos de 900 hectáreas co proceso rematado fronte a máis de 10.000 incluídas durante anos nos distintos estadios da ordenación territorial sen seren finalizadas nas distintas parroquias, moitas delas con grande implantación da gandería". Polo tanto, indica que "tan só o 8% das hectáreas das parcelarias en Lalín remataron o proceso nas últimas décadas". Así o Bloque asegura, "hai rematadas as correspondentes a Méixome e Santiso, Monte Campelo, Monte Roxidoiro, Senín e Porto do Carrio, que acumulan 888 hectáreas do territorio lalinense, mentres o resto son obxecto dun proceso lento e complicado, onde a burocracia que as envolve non é capaz de seguirlle o ritmo á gandería e a agricultura para as que están pensadas, chegando tarde en moitos casos, cando o sector primario está xa desaparecido no territorio que ordenan".


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

"Entre o 92% das hectáreas que están neste momento nalgún dos pasos da concentración, encóntranse Vilatuxe ou Santa Baia de Losón, agardando no primeiro caso dende hai máis dunha década pola entrega dos títulos de propiedade, co que iso implica á

hora de dispoñer dos terreos e ter seguridade xurídica por parte do propietario/a e en

casos coma Filgueira, o procedemento considérase caducado". Fernández amósase crítica

coa xestión por parte da Consellería de Medio Rural. “As parcelarias chegan tarde, cando a nosa gandería e agricultura sofre unha crise sen precedentes en canto ao relevo xeracional e no relativo á dispoñibilidade de terra agraria. Agora, en moitos casos,

concéntranse parcelas en aldeas onde xa non quedan explotacións con proxectos de

continuidade no sector primario e eses terreos serán no futuro obxecto de plantacións

forestais, sen ser ese o obxectivo para o que se levan a cabo”.


O BNG de Lalín lembra os datos preocupantes destas reestruturacións. "Son procedementos que se estenden durante décadas, onde nin o goberno do concello nin da Xunta de Galiza soubo acompañar coas medidas precisas ao sector en Lalín, un concello onde temos 8 parcelarias en desenvolvemento, algunhas comezadas fai 25 anos, sen que se invista o necesario nelas e non acaben de resolverse”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Lalín conta, segundo os últimos datos do IGE, con 585 explotacións gandeiras adicadas ao gando vacún, o que implica máis de 600 empresas adicadas á agricultura e unha afiliación á SS de case 900 traballadores. “O sector agrogandeiro é fundamental en Lalín, non só en canto á gandería de vacún de leite e carne, senón tamén no caso da produción de porcino ou avicultura, por exemplo. A necesidade de terra agraria coarta a actividade e o futuro das granxas, condena aos labregos á dependencia de insumos externos co que iso inflúe economicamente e polo tanto reduce a capacidade de evolucionar de moitas granxas. Non pode ser que dende o goberno non se lle aporte ao sector primario lalinense as ferramentas para traballar de xeito cómodo e o máis rendible posible, que se lles ofrezan solucións a curto prazo e non dilatadas durante décadas” declara Fernández e anuncia que se solicitará que os procedementos xa comezados se aceleren o máximo posible, cos orzamentos necesarios para levalas a cabo coa maior axilidade.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page