BNG: "Os atrasos da parcelaria en Rodeiro deixan a veciñanza sen acceso ás súas casas durante anos"
- ecosdacomarca

- 17 jul
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O BNG denuncia "a situación de abandono que sofren as persoas afectadas pola concentración parcelaria do Val de Camba, no concello de Rodeiro, onde os continuos atrasos na execución das obras están a provocar graves prexuízos para a veciñanza e
para as explotacións agrarias da zona". A deputada do BNG no Parlamento galego,
Ariadna Fernández, visitou a zona para coñecer de primeira man a situación e amosou a
súa preocupación pola xestión que a Xunta de Galicia está a facer das reestruturacións
parcelarias nesta comarca.
("Nas imaxes hai un "suposto aceso" á unha vivenda que non arreglan porque agora din que teñen problemas con Augas de Galicia. A outra imaxe é un "acceso " a unha finca, feito recentemente").
"A Xunta atrasa durante anos actuacións fundamentais sen importarlle o impacto que teñen na vida diaria das persoas afectadas", denuncia. Fernández advirte de que existen vivendas ás que os seus propietarios só poden acceder atravesando propiedades alleas porque os accesos previstos nos proxectos seguen sen executarse. "É inadmisible que haxa veciños e veciñas que dependan da boa vontade doutras persoas para entrar nas súas propias casas", sinala, lembrando ademais que esta situación podería ter consecuencias graves en caso de emerxencia ou para persoas con mobilidade reducida.
PUBLICIDADE
A deputada cualifica de "falta de respecto" as explicacións ofrecidas pola Administración autonómica para xustificar os atrasos. "Décadas despois da aprobación destas parcelarias e cunha DIA favorable, tras solicitar a cesión de terreos para ampliar un camiño xa existente, alegan agora dende a administración problemas coa autorización de Augas de Galicia pola proximidade a un curso fluvial. O que están demostrando é unha absoluta falta de planificación e unha total desconsideración cara ás persoas que viven e traballan no rural", afirma.
Durante a visita tamén puido comprobar as deficiencias dalgúns dos accesos habilitados recentemente ás fincas. Segundo explica, a pendente coa que foron executados fai imposible o acceso dun tractor con apeiros enganchados, polo que, de quedar así, as obras non responden ás necesidades reais da poboación.
PUBLICIDADE
Ante esta situación, o BNG anuncia que presentará novamente iniciativas no Parlamento de Galicia para solicitar explicacións sobre os motivos dos atrasos na parcelaria do Val de Camba e reclamar que a Xunta execute de maneira inmediata os accesos pendentes e corrixa as deficiencias detectadas nas obras xa realizadas. Conclúe cunha crítica ao PP Ariadna Fernández, "o plan do PP para o rural do Deza e de Camba parece reducirse a que cada quen se amañe como poida".








Comentarios