BNG: "O alcalde de Dozón mentiu ao afirmar que o Concello tiñan o plan de incendios en vigor"
- ecosdacomarca

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
Sinala que o "DOG do 26 de febreiro confirma que o plan acaba de iniciar a súa exposición pública e que "debe ser elaborado"
Ecos da Comarca/Dozón
O BNG de Dozón denunciou onte de xeito contundente a "política de ficción e enganos" do Goberno municipal de Dozón. "Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 40) do anuncio de exposición pública do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a formación nacionalista sinala que quedou demostrada a "falsidade" das afirmacións feitas polo alcalde, Adolfo Campos Vázquez, en sede plenaria", recalca o Bloque.

Segundo explica o concelleiro do BNG de Dozón, Miguel Ángel Docasar, o Goberno local mantivo "reiteradamente en sesións anteriores que o Concello xa tiña os deberes feitos e que o plan de incendios estaba operativo. Porén, o anuncio asinado polo propio alcalde o pasado 10 de febreiro e publicado onte pola Xunta de Galicia confirma que o documento se atopa aínda en fase de aprobación inicial". "Non se pode elaborar o que xa está feito"
Publicidade
Dende o BNG de Dozón destacan un dato clave: o propio anuncio oficial indica que Dozón "debe elaborar" o citado plan. "É unha proba administrativa irrefutábel. Se o DOG di que hai que elaboralo, é porque non existía. O Alcalde mentiu á corporación e, o que é máis grave, mentiu á veciñanza de Dozón nun tema tan sensible como a protección das nosas casas e do noso monte", sinala o voceiro nacionalista.
"Inseguridade para o rural de Dozón"
O BNG lembra que carecer deste plan en vigor supón unha situación de "vencemento e inseguridade xurídica" á hora de xestionar as faixas secundarias e as limpezas de biomasa. "Dozón estivo sen a ferramenta legal obrigatoria mentres o PP vendía fume.
Non se pode xogar co medo da xente aos incendios para facer propaganda política", denuncian.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Solicitude de información inmediata
Ante esta situación, o concelleiro do BNG rexistrou hoxe no Concello unha petición de acceso íntegro ao expediente. A formación esixe saber dende cando o Concello ten o borrador técnico e por que se ocultou que o plan non estaba aprobado. "Queremos luz e taquígrafos sobre este atraso e que o alcalde dea a cara por faltar á verdade no Pleno", conclúen dende o BNG de Dozón.







Comentarios