BNG: "As incongruencias do PP de Agolada e da Xunta frean as parcelarias deste municipio"
- ecosdacomarca

- hace 2 días
- 3 min de lectura
As nacionalistas Ariadna Fernández e Susana Tato esixen á Xunta que aclare o calendario e o plan de traballo dunha reestruturación parcelaria que segue sen decretarse malia
contar cos trámites previos necesarios
Ecos da Comarca/Agolada
As nacionalistas Ariadna Fernández e Susana Tato esixen á Xunta que aclare o calendario e o plan de traballo dunha reestruturación parcelaria que segue sen decretarse malia
contar cos trámites previos necesarios, "fronte a un PP que pide avances en público, pero vota abstención ou esquece os compromisos cando toca defender as parcelarias no concello", acusa o BNG.

Lembran que a parcelaria de Agolada iniciou a súa tramitación hai máis de vinte anos e, a día de hoxe, en 2026, continúa sen contar co decreto definitivo que permita comezar as obras do proceso. Un atraso que, segundo denuncia o BNG, está a impedir que a veciñanza e o sector agrogandeiro poidan desenvolver proxectos fundamentais para o futuro do rural no municipio. O proceso contou xa durante o goberno bipartito da Xunta de Galicia cun investimento de arredor de 800.000 euros para a realización dos estudos necesarios e dispuxo dunha Declaración de Impacto Ambiental emitida en 2009. "Porén, coa chegada do Partido Popular ao Goberno da Xunta, a tramitación quedou paralizada, nun contexto marcado pola posible falta de financiamento para continuar co procedemento".
Durante todos estes anos, a veciñanza de Agolada, representada a través da Asociación Queremos Parcelarias, reclamou en numerosas ocasións a reactivación dun proceso considerado estratéxico para aumentar a superficie agraria útil e contribuír ao fortalecemento dun medio rural que sofre unha importante falta de terra dispoñible para a
actividade produtiva.
PUBLICIDADE
O BNG levou esta problemática ao Parlamento de Galicia en diferentes iniciativas co obxectivo de impulsar unha solución que chegase a tempo para favorecer o sector agrogandeiro. A principios de 2025, a formación nacionalista abordou a situación na
Comisión 7 do Parlamento, solicitando información á directora xeral de AGADER sobre o grao de avance previsto para a parcelaria. Posteriormente, en outubro de 2025, veciños e
veciñas de Agolada e membros da asociación asistiron a un pleno parlamentario no que o
BNG, a través da deputada nacionalista Ariadna Fernández, volveu preguntar directamente á Conselleira sobre o estado das parcelarias. Naquela ocasión comprometéronse avances que non chegaron a materializarse. "Promesas semellantes
realizáranse en reunións no territoio de membros do goberno durante anos e tamén
durante a asistencia da conselleira a un magosto organizado polo PP de Agolada no
pasado ano, sen que desde entón se producise ningún progreso efectivo", lamenta o Bloque.
Desde o BNG consideran que "a Xunta segue atrasando de maneira inxustificada a aprobación do decreto, malia que o proceso xa conta coa documentación e cos trámites previos necesarios para avanzar". A formación lembra ademais que hai poucos meses presentou unha moción no pleno municipal de Agolada para solicitar formalmente á Xunta
o impulso do decreto da reestruturación parcelaria. "A proposta buscaba acadar unha
posición unánime da corporación municipal en defensa dos intereses da veciñanza, pero
o Partido Popular optou por absterse na votación". Ante esta situación, a deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Ariadna Fernández, e a portavoz municipal do BNG en Agolada, Susana Tato, reclaman explicacións claras sobre o estado actual do proceso.
PUBLICIDADE
As representantes nacionalistas demandan que a Xunta detalle publicamente cal é o plan de traballo previsto para as parcelarias de Agolada e cal é o calendario real para a súa aprobación definitiva. Ademais, cuestionan "se a evolución deste expediente está condicionada por intereses electorais vinculados ás próximas eleccións municipais, en lugar de responder ás necesidades reais do sector agrario e da mobilización da terra".








Comentarios