top of page

Avanzan os traballos do novo centro polivalente de Rodeiro

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

Ecos da Comarca/Rodeiro

A Xunta salienta o bo ritmo dos traballos do novo centro polivalente de Rodeiro. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou este venres sobre o terreo o avance desta actuación, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Rubén Quintá.


O Goberno galego financia integramente a actual fase das obras deste edificio, que se destinará a usos asistenciais, cun investimento de 200.000 euros. A execución dos traballos corren a cargo do Concello. A proposta do Concello de Rodeiro é que o centro atenda ás necesidades tanto das persoas maiores como dos máis pequenos da localidade. Tamén se pretende que a infraestrutura acolla outros usos sociais de carácter municipal e espazos para o desenvolvemento de actividades formativas, entre outras.

Maqueta do edificio polivalente.

Mellorar a calidade de vida dos veciños

Perfecto Rodríguez explicou que a finalidade deste equipamento “é mellorar a calidade de vida dos veciños de Rodeiro, a través de accións que fomenten o envellecemento activo e a prevención da dependencia, así como con outros usos destinados aos coidados da primeira infancia”.


A edificación sitúase nunha parcela de titularidade municipal que ocupaban con anterioridade as antigas vivendas dos mestres, próximas ao centro de ensino. Contará con dúas plantas: a planta baixa destinarase na súa maior parte a zona infantil e na primeira habilitaranse aulas e outros espazos para o desenvolvemento de actividades de distinta índole.


Xantar na casa

Por outra banda, o xerente do Consorcio aproveitou a visita para abordar co rexedor de Rodeiro a posibilidade de que este concello se incorpore ao Xantar na casa, programa de atención alimentaria a domicilio que a Xunta desenvolve en colaboración cos concellos. O obxectivo desta iniciativa é garantir unha dieta saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de cada usuario, que son, principalmente, maiores que viven sos. Tamén se poden beneficiar desta prestación pública as persoas dependentes e a aquelas con poucos recursos que están en risco de exclusión.

Na actualidade son 190 as localidades de toda Galicia adheridas ao Xantar na casa, o que permite atender diariamente a 1745 persoas.

0 comentarios

Commenti


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page