top of page

ASETEM - CCA organiza obradoiros infantís para dinamizar máis o comercio local

Laura Moure/Melide

ASETEM - CCA organiza obradoiros infantís para dinamizar o comercio local en colaboración coa Academia ‘O Pequeno Besbello’. A entidade empresarial pon en marcha unha serie de obradoiros, impartidos polo persoal de ‘O Pequeno Besbello’ cuxo obxectivo é dinamizar o comercio de proximidade a través de actividades para a poboación infantil, facilitando que nais e pais poidan mercar nos establecementos asociados mentres os cativos e cativas realizan tarefas lúdicas. Esta iniciativa comezou hoxe sábado (de 10 a 12 horas).

Para participar, as familias teñen toda a vindeira semana para anotarse nas oficinas de ASETEM de 9:00 a 14:00 horas, o único requisito é levar un tícket de compra desa semana cun importe mínimo de cinco euros dunha das tendas asociadas. A inscrición será por orde de chegada e hai un máximo de vinte prazas por obradoiro. As temáticas das actividades varían dependendo da semana, o primeiro obradoiro (o de hoxe) foi de inglés, o seguinte, o sábado 28, de debuxo, na xornada do 4 de xuño repite o inglés, o día 11 ilustración, e por último o 18, inglés de novo.

Nos obradoiros de inglés faranse xogos para desenvolver e aprender vocabulario, mellorar a comprensión oral a través de contos e vídeos. Ademais, incluiranse xogos verbais para poder traballar na pronuncia e a expresión oral. Contarase cun profesor de inglés nativo con experiencia. En canto ás actividades de debuxo contarase cunha profesora de arte con experiencia e os nenos realizarán proxecto relacionados co comercio.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page