top of page

As Xuventudes Socialistas da Provincia de Lugo lanzan unha firme mensaxe de repulsa contra Altri

A organización xuvenil reafirmou a súa oposición a Altri dende a Casa da Cultura de Palas de Rei, onde escolleron á delegación que lles representará no V Congreso Provincial do PSdeG que se celebrará en maio


Ecos da Comarca/Palas de Rei

As Xuventudes Socialistas da Provincia de Lugo, reafirman o seu rexeitamento á celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere instalar no concello de Palas de Rei. Convén recordar que, as Juventudes Socialistas foron a primeira organización moza de ámbito estatal en pronunciarse en contra de Altri grazas ao traballo previo das XSG coa militancia lucense e responsables locais como a concelleira palense Ana Corredoira.


Por este motivo, as Xuventudes Socialistas lucenses celebraron o seu congreso extraordinario para elixir a delegación da organización moza ó proximo congreso provincial do PSdeG-PSOE, nesta localidade.

No mesmo, a recentemente nomeada coordinadora provincial, Eva Blanco, destacou o “ínfimo compromiso da Xunta co medio rural e ca veciñanza, sobre todo coa máis nova, impedíndolles un doado e futuro asentamento no rural para desenvolver a súa vida”. 


Pediulle, ademais, que “faga oído do malestar da veciñanza, das asociacións e demais entes ecoloxistas que solicitan a non implantación da fábrica, así como da xente moza que quere traballar, emprender e innovar no rural, pero non ás costas da natureza do país”. Destacando tamén “a importancia dunha industria sostible para o noso territorio, que non contamine a conca do río Ulla e da ría de Arousa”.


Dende a organización lembraron que “ a macrocelulosa de Altri require  da captación dunha cantidade de auga diaria equivalente ao consumo da poboación da provincia de Lugo nun só día e móstranse inseguras sobre os efectos da variación do caudal do Ulla”.

O Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Xurxo Doval, puxo en valor o traballo que está a realizar a organización moza xunto co PSdeG-PSOE e as sucesivas mobilizacións que a veciñanza da Ulloa, do Salnés, do Barbanza e de toda Galicia veñen realizando nos últimos meses.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Deste xeito, destacou a necesidade de “traballar conxuntamente co PSdeG, que tamén rexeita a instalación da macrocelulosa na Ulloa, para facer chegar a política do socialismo galego a todos os recunchos da provincia”. “Lugo é un territorio onde o transporte, o emprego, a vivenda e a transición enerxética serán os piares da nosa acción socialista”, engadiu.


Despois de participar nas multitudinarias manifestacións que houbo por todo o territorio galego, as Xuventudes da provincia de Lugo móstranse incansables e con máis forza para seguir defendendo a auga, o aire, a saúde e a vida.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page