As vías de servizo da PO-533 entre Lalín e o Alto de Faro non serán obxecto de mellora en 2025
- ecosdacomarca

- 18 jul 2025
- 2 Min. de lectura
O BNG lamenta isto e recalca que “apoiar ás explotacións gandeiras do país tamén é darlle as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento, sen deixar que se chegue a tal estado de descoido"
Ecos da Comarca/Deza
A consellería de Vivenda e Infraestruturas ven de responder a unha iniciativa
do grupo parlamentar do BNG, tal e como informa o Bloque, "recoñecendo que neste ano se levará a cabo unicamente a revisión do estado do firme da PO-533 e dos camiños de servizo para incluílos nun proxecto de reforzo, sen fixar a data para o seu arranxo".

"As vías de servizo que unen Lalín e o Alto do Faro son de vital importancia á hora de desviar tráfico pesado e vehículos agrícolas, moi frecuentes nesta zona da comarca onde os tres concellos que unen son de grande importancia a nivel agrogandeiro. Mais, a pesares de que o estado do firme de ambolos dous camiños de servizo deixa moito que desexar, con tramos onde os vehículos teñen que diminuír a velocidade polo estado no que se atopa, a Xunta de Galiza non ten pensado acometer melloras no que queda de
ano", lamenta o BNG.
A demora dende outubro, cando a deputada nacionalista Ariadna Fernández rexistrou unha iniciativa parlamentar para interesarse pola previsión de arranxo destes camiños, non rematou cunha resposta satisfactoria nove meses despois. Nesta documentación remitida dende a Consellería de Infraestruturas lembran que a PO- 533 ten sido obxecto de melloras no 2012, no 2015 e de xeito máis actual, no 2020. “Dende as últimas melloras puntuais do firme pasaron 5 anos, referíndose á estrada comarcal en si, non aos camiños de servizo, que agora mesmo son o que nos preocupa e que acabarán por ser intransitables se non se actúa sobre eles” aclara Fernández, que se amosa descrida cando fai alusión ao proxecto de rexorzo ao que a Xunta de Galiza fai referencia.
Publicidade
“Se o plan é facer unha revisión e logo un informe no que se inclúan as vías e isto vai levar o que queda de 2025, a pregunta é para cando se van levar a cabo os traballos de arranxo do firme. Un ano? Dous? Simplemente hai que achegarse ata alí e ver en que estado se atopa para ver que non pode agardar eses tempos.”
Publicidade
Dende o BNG solicitan que a revisión sexa inmediata, e non de dilaten deste xeito os tempos no caso de infraestruturas que para unha comarca inminentemente gandeira son de vital importancia e utilidade, xa que dan servizo a Rodeiro, Dozón e Lalín, recalcando que neste tempo é cando máis tráfico existe por esas vías derivado dos traballos agrícolas que se levan a cabo nas explotacións nesta época do ano. Recorda así mesmo que “apoiar ás explotacións gandeiras do país tamén é darlle as infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento, sen deixar que se chegue a tal estado de descoido. Poden falar na súa resposta de que a mobilidade que a Xunta garante é segura, eficiente e moderna, pero a realidade é ben distinta” remata por aclarar a deputada.








Comentarios