top of page

As obras de mellora do sendeiro do Deza arrancan a vindeira semana

O tramo, dende a Fervenza do Toxa ata a ponte de ferro, estará pechado ao tránsito por motivos de seguridade ata o vindeiro día 30


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros días actuacións de mellora no tramo que lle corresponde do Sendeiro do Deza, un dos primeiros que se homologaron en Galicia no seu

día, e que discorre dende a Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos, ata o mosteiro de Carboeiro, con algo máis de seis quilómetros de lonxitude. Para realizar esta actuación, e por motivos de seguridade, o tramo no que se acometerán os traballos (entre a Fervenza do Toxa e a ponte de ferro) permanecerá pechado dende o vindeiro luns día 19 e ata o venres día 30.

Baixo o título Recuperación, mellora da seguridade, accesibilidade e sinalización do Sendeiro do Deza, esta dotación busca subsanar unha serie de deficiencias que dificultan o pleno disfrute o sendeiro, un dos máis concorridos do municipio de Silleda, recuperando o seu estado orixinal e realizando melloras en materia de seguridade, accesibilidade e

completando e repoñendo a sinalización existente.


Orzamento de 46.000 euros

A actuación, cun orzamento de 46.000 euros recibiu o visto bo da Xunta de Galicia, no marco das axudas a investimentos non produtivos vincluadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos da Rede Natura 2000, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).


Así, o proxecto financiado a súa maior parte con fondos municipais, contará tamén cunha axuda de 20.000 euros –no marco do citado programa- repartidos en dúas anualidades (nesta e no ano 2023). Os traballos foron adxudicados á firma Miguez Xestoso, que presentou a mellor das tres ofertas solicitadas.


Para o acondicionamento do sendeiro retiraránse pavimentos inapropiados e mellorarase o sistema de evacuación de auga, colocando chanzos adicionais nas zonas de máis pendente, reparando ademais escaleiras e creando unha pequena plataforma/observatorio. Tamén se instalarán dos novos paneis informativos sobre o roteiro e o seu entorno único e se reporán as varandas de madeira danadas polo paso do tempo. Búscase ademais presevar o carácter natural do lugar mediante unha mínima intervención, con materiais e sistemas construtivos acordes co ámbito que se integrarán na contorna de forma respetuosa.


Plataforma observatoria

O proxecto propón tamén, a modo de miradoiro, crear unha pequena plataforma observatorio nunha zona intermedia da senda, para que as persoas visitantes poidan achegarse a contemplar os valores do espazo natural dun xeito ordenado e compatible. Neste senso, a plataforma de madeira irá asentada sobre unha rocha de gran tamaño, permitindo observar outra perpectiva da ribeira do río e da concatenación de saltos ata chegar á Fervenza do Río Toxa.


A nivel funcional, esta dotación facilitará tamén un uso ordeado do sendeiro, permitindo o cruzamento das persoas que transitan polo sendeiro. O tramo que se busca recuperar con esta actuación comeza ao pé da Fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, e discorre pola beira do río durante aproximadamente 260 metros ata a coñecida como Ponte de Ferro, que une o municipio co veciño Concello de Vila de Cruces en Merza. “Trátase dun dos tramos máis fermosos deste roteiro, no que ademais do espectacular salto do Toxa, hai outros máis pequenos, pozas e zonas de penedos que paga a pena contemplar, e que ten ademais un alto valor paisaxístico nunha zona con gran biodiversidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O sendeiro está ubicado no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Sistema Fluvial Ulla-Deza, dende decembro do ano 2004. Deste xeito o Concello de Silleda segue acondicionando e mellorando distintos espazos e enclaves naturais que constitúen un reclamo na oferta turística do municipio. Así, nos últimos anos, tamén se creou o roteiro da Fervenza de Férveda e outro na Fervenza de Santa Mariña, en Graba, tamén ca creación dun miradoiro.


NOTICIA RELACIONADA:

0 comentarios

留言


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page