top of page

Silleda acometerá actuacións no Sendeiro do Deza para mellorar aaccesibilidade e sinalización

Esta actuación complementarase cunha axuda autonómica para investimentos non produtivos na Rede Natura 2000


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda acometerá nas vindeiras semanas actuacións de mellora no tramo que lle corresponde do Sendeiro do Deza, un dos primeiros que se homologaron en Galicia no seu día, e que discorre dende a Fervenza do Toxa, na parroquia de Pazos, ata o mosteiro de Carboeiro, con algo máis de seis quilómetros de lonxitude.

Fotomontaxe de como quedará parte da actuación.

Baixo o título Recuperación, mellora da seguridade, accesibilidade e sinalización do Sendeiro do Deza, esta dotación busca subsanar unha serie de deficiencias que dificultan o pleno desfrute o sendeiro, un dos máis concorridos do municipio de Silleda, recuperando o seu estado orixinal e realizando melloras en materia de seguridade, accesibilidade e completando e repoñendo a sinalización existente.


A actuación, cun orzamento de máis de 46.000 euros vén ademais de recibir o visto bo da Xunta de Galicia, no marco das axudas a investimentos non produtivos vincluadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos da Rede Natura 2000, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).


Así, o proxecto financiado a súa maior parte con fondos municipais, contará tamén cunha axuda de 20.000 euros –no marco do citado programa- repartidos en dúas anualidades (nesta e no ano 2023). Para o acondicionamento do sendeiro retiraránse pavimentos

inapropiados e mellorarase o sistema de evacuación de auga, colocando chanzos adicionais nas zonas de máis pendente, reparando ademais escaleiras e creando unha pequena plataforma/observatorio . Tamén se instalarán dos novos paneis informativos sobre o roteiro e o seu entorno único e se reporán as varandas de madeira danadas polo paso do tempo.


Búscase ademais presevar o carácter natural do lugar mediante unha mínima intervención, con materiais e sistemas construtivos acordes co ámbito que se integrarán na contorna de forma respetuosa.


Plataforma observatoria

O proxecto propón tamén, a modo de miradoiro, crear unha pequena plataforma observatorio nunha zona intermedia da senda, para que as persoas visitantes poidan achegarse a contemplar os valores do espazo natural dun xeito ordenado e compatible. Neste senso, a plataforma de madeira irá asentada sobre unha rocha de gran tamaño, permitindo observar outra perpectiva da ribeira do río e da concatenación de saltos ata chegar á Fervenza do Río Toxa.


A nivel funcional, esta dotación facilitará tamén un uso ordeado do sendeiro, permitindo o cruzamento das persoas que transitan polo sendeiro. O tramo que se busca recuperar con esta actuación comeza ao pé da Fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, e discorre pola beira do río durante aproximadamente 260 metros ata a coñecida como Ponte de Ferro, que une o municipio co veciño concello de Vila de Cruces en Merza. Esta senda foi acometida no seu día pola Consellería do Medio Ambiente, nos anos 90, realizándose despois dende o Concello de Silleda diversas actuacións de recuperación.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

“Trátase dun dos tramos máis fermosos deste roteiro, no que ademais do espectacular salto do Toxa, hai outros máis pequenos, pozas e zonas de penedos que paga a pena contemplar, e que ten ademais un alto valor paisaxístico nunha zona con gran biodiversidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.


O sendeiro está ubicado no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Sistema Fluvial Ulla-Deza, dende decembro do ano 2004. Deste xeito o Concello de Silleda segue acondicionando e mellorando distintos espazos e enclaves naturais que constitúen un reclamo na oferta turística do municipio. Así, nos últimos anos, tamén se creou o roteiro da

Fervenza de Férveda e outro na Fervenza de Santa Mariña, en Graba, tamén ca creación dun miradoiro.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page