Esta actuación, cun investimento de 799.000 euros, realízase a través dun convenio asinado o ano pasado coa Deputación de Pontevedra
Laura Moure/Silleda
Este martes Esta a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, visitou as obras para a construción da senda peonil na vía que une o núcleo de Toiriz coa conexión coa N-525, á altura da rotonda homenaxe á Muller Labrega. O proxecto, que foi adxudicado á empresa Covsa, foi proposto polo goberno local o cal asinou un convenio coa Deputación de Pontevedra.
Este acordo entre ambas institucións supón un investimento de 799.000 euros para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade neste tramo de case 1,5 quilométros na E7201, serán asumidos nun 80% pola entidade provincial e o 20% dende o Concello de Silleda.
Publicidade
O tramo de sendas, ao longo da EP-7201 mellorará a seguridade nesta zona, atravesada polo Camiño de Santiago, así como o tránsito peonil continuo ata Toiriz, o IES Pintor Colmeiro, o cemiterio municipal e o parque das Pedrosas, entre outros. A senda peonil na EP-7201 terá un ancho de 2 metros e estará acabada en formigón coloreado. Discorrerá en todo o percorrido polo lado próximo ao centro urbano de Silleda, dando continuidade ás anteriores actuacións de mellora da mobilidade acometidas e impulsadas pola Deputación.
Publicidade
As obras tamén inclúen un novo paso peonil elevado para o cruzamento da estrada EP-7201 (coincidente co Camiño de Santiago), a execución de sumidoiros, pozos de rexistros e tubaxes para a drenaxe da vía, así como obras de saneamento en toda a zona, incluídas as vivendas localizadas no tramo da estrada. Ademais, soterrarase o alumeado público, nunha lonxitude de case un quilómetro, colocaranse 40 novas columnas e luminarias con canalización soterrada e luminarias LED de alto rendemento para garantir a seguridade en horario nocturno.
Publicidade
Así mesmo, a Deputación tamén cede á entidade local a titularidade dun pequeno tramo nas inmediacións desta vía: a chamada rúa a Forcarei, entre a rotonda de acceso ao IES e a rúa da Chousa Nova, que se arranxará a través do proxecto Camiños Escolares, financiado a través do programa DUS 5000, con fondos europeos.
“Trátase dunha actuación que continuará mellorando a mobilidade peonil e a seguridade das persoas no casco urbano de Silleda”, indica a rexedora, que visitou os traballos.
Commenti