O alcalde mantivo unha primeira reunión con personal técnico de cara a investigar o derrube do andamio, no que de momento so se pode falar de conxeturas a falta de conclusións finais
Laura Moure/Silleda
Despois do incidente acaecido a pasada madrugada provocando o derrube dos andamios e parte da fachada do edificio municipal que se está a rehabilitar como nova casa consistorial de Silleda, o alcalde, Manuel Cuiña, mantivo xa un primeiro encontro esta mañá con varios responsables técnicos do proxecto así como cos técnicos do departamento municipal de Urbanismo.
Logo de que todo o personal técnico se achegara ata o edificio para facer unha primeira valoración técnica “o que fixemos foi o máximo fincapé en ter garantías tanto de que a obra como a estrutura existente non corren perigo”, indica Cuiña, incidindo en que “a seguridade é o máis importante nestes momentos para poder continuar cos traballos”. Ademais dos técnicos municipais, inspeccionaron outros dous arquitectos, aparelladores e o coordinador de seguridade e saúde da actuación, adxudicada a Coviastec. Tamén o responsable da empresa se reuniu co alcalde esta mesma mañá.
De momento, e a falta de conclusións precisas, só se pode falar de hipóteses en canto ás causas do sinistro, no que afortunadamente non hai que lamentar danos personais. Segundo veciños da zona, o derrube debeu de producirse arredor das cindo da madrugada. “Ata que haxa conclusións no proceso de investigación todo son conxeturas de momento, e todo apunta a un cúmulo de circunstancias que haberá que esclarecer”, indica o rexedor.
Está previsto que na vindeira semana se volva a celebrar outra reunión con todas as partes para seguir avanzando nas conclusións do incidente. Cuiña tamén informou personalmente aos voceiros dos grupos municipais (PP e BNG) do acontecido, explicándolle as conclusións dos técnicos en canto á seguridade, “que nestes momentos é o máis importante”.
Tráfico restablecido
O tráfico quedou restablecido na rúa Progreso ás 12:30 horas, unha vez retirados todos os elementos por parte da empresa instaladora dos andamios, que contaba con todas as revisións e inspeccións en orde.
NOTICIAS RELACIONADAS:
(PRIMEIRO AVANCE DA CAÍDA DOS ANDAMIOS) https://www.ecosdacomarca.com/post/caen-os-andamios-da-obra-do-novo-consistorio-de-silleda
(PRIMEIRO COMUNICADO DO CONCELLO TRAS O DERRUMBE) https://www.ecosdacomarca.com/post/o-goberno-de-silleda-lamenta-o-derrube-da-andamiaxe-e-reclama-explicaci%C3%B3ns-%C3%A1s-distintas-direcci%C3%B3ns
(AVANCE DAS OBRAS) https://www.ecosdacomarca.com/post/avanzan-a-bo-ritmo-as-obras-de-remodelaci%C3%B3n-para-o-novo-consistorio-de-silleda
Comments