top of page

As escavacións na Praza da Igrexa de Silleda descobren unha necrópole posiblemente medieval

25 sept
3 min de lectura

O xacemento está a ser delimitado, limpado e topografado e será incorporado ao Inventario de Patrimonio Arqueolóxico da Xunta de Galicia


Laura Moure/Silleda

Os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver na Praza da Igrexa de Silleda permitiron localizar nos últimos días un xacemento funerario inédito, posiblemente de cronoloxía medieval, que está a ser agora estudado e documentado polo equipo de A Citania Arqueoloxía, empresa adxudicataria da intervención.


Os traballos están dirixidos polo arqueólogo silledense Israel Picón e, tras a aparición das primeiras estruturas funerarias, o equipo está nestes momentos a realizar a delimitación en planta do xacemento, así como labores de limpeza, documentación e levantamento topográfico que permitan coñecer con maior precisión a súa extensión e características.

A cronoloxía deberá ser confirmada a medida que avance a investigación arqueolóxica, aínda que as características observadas ata o momento apuntan á posible existencia dunha necrópole de época medieval na contorna da igrexa parroquial de Santa Baia.


O achado xa foi posto en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que ten previsto desprazar nos próximos días persoal técnico ata Silleda para realizar unha valoración directa do xacemento.


A partir desta visita e da documentación arqueolóxica que se está a elaborar determinaranse as medidas de protección e conservación que procedan, así como a posible incidencia do achado sobre a reforma da Praza da Igrexa e, de ser necesario, as solucións arquitectónicas ou adaptacións do proxecto que permitan compatibilizar a actuación coa preservación dos restos. O novo xacemento será ademais dado de alta no Rexistro de Elementos Catalogados da Xunta de Galicia, incorporándose deste xeito oficialmente ao patrimonio arqueolóxico documentado no municipio.


Rematada a retirada dos restos óseos

Paralelamente ao estudo destas novas estruturas, o equipo arqueolóxico xa rematou a retirada dos restos óseos contemporáneos localizados durante os traballos, de acordo coas indicacións establecidas por Patrimonio Cultural baixo o expediente SPR-2026-1417AQX.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Nos próximos días levarase a cabo tamén o cribado da terra extraída durante a fase inicial das obras, tal e como establece a resolución emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o pasado 27 de agosto, co obxectivo de comprobar baixo control arqueolóxico a posible presenza de novos restos ou materiais de interese.


O Concello continuará seguindo en todo momento as indicacións dos especialistas e de Patrimonio Cultural, á espera de coñecer o alcance definitivo do xacemento e as medidas que se determinen para poder compatibilizar a súa protección coa continuidade da reforma da praza.


Antecedentes

A reforma da Praza da Igrexa contaba desde o inicio coa correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O informe arqueolóxico previo sinalaba que, a priori, as obras non afectarían ningún xacemento arqueolóxico coñecido e establecía que, no caso de aparecer restos durante os traballos, estes deberían ser comunicados inmediatamente á administración competente.


Durante os movementos de terras realizados a finais do mes de agosto apareceron os primeiros restos óseos. O Concello comunicou formalmente o achado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 24 de agosto, nada máis ter coñecemento da situación. Tras a correspondente valoración, Patrimonio determinou a realización dunha intervención arqueolóxica de urxencia, que incluía a escavación manual dunha superficie aproximada de 145 metros cadrados, a execución de oito sondaxes nos puntos previstos para as zapatas da obra e a revisión baixo control arqueolóxico do material extraído previamente.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

O Concello procedeu entón á contratación destes traballos, que foron adxudicados a A Citania Arqueoloxía S.L. e que comezaron sobre o terreo esta mesma semana. A intervención está a permitir agora documentar unha realidade arqueolóxica que non figuraba previamente catalogada, máis alá do coñecido uso desta contorna como cemiterio parroquial ata comezos do século XX e das distintas transformacións e obras realizadas posteriormente neste espazo.


Por outra banda, o Concello de Silleda informa á veciñanza de que a partir das 15:00 horas deste,xoves 24 de setembro, entrará en vigor de forma permanente o cambio de sentido de circulación en dúas vias do casco urbano: a Cartaxena e a Antón Alonso Ríos, tal e como xa se anunciara no seu día.


A rúa Castrelo quedará co mesmo sentido, con incorporación dende a rúa Venezuela e continuando obligatoriamente por Alonso Ríos en dirección Outeiro. A modificación será permanente, polo que o Concello solicita ás persoas condutoras que presten especial atención á nova sinalización viaria e respecten os novos sentidos de circulación.


O cambio ten como finalidade reorganizar a circulación e mellorar o funcionamento do tráfico nestas vías do casco urbano. Desde o Concello de Silleda agradécese a colaboración da veciñanza e recoméndase circular con precaución durante os primeiros días de aplicación da nova ordenación viaria.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page