top of page

As EFAS galegas, entre elas a arzuá, cumpren 50 anos cun proxecto educativo de alto impacto no rural

Ao longo deste tempo lograron insertar laboralmente neste ámbito a máis de 6.000 estudantes e formaron a máis de 1.200 emprendedores


Laura Moure/Arzúa

Os Centros de Promoción Rural – EFA de Galicia,entre eles o de Arzúa, celebran o seu 50 aniversario e, para festexar esta efeméride, organizarán un evento conmemorativo o vindeiro 22 de xuño no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. Está prevista a asistencia dunhas 1.500 persoas, entre representantes institucionais, empresas e outros membros da comunidade educativa. O acto pretende visibilizar o traballo realizado no rural e poñer en valor a xente e os recursos do medio rural galego como xeradores de emprego e riqueza no territorio.

En Galicia hai tres Centros de Promoción Rural - EFA: A Cancela (As Neves-Pontevedra), Piñeiral (Arzúa-A Coruña) e Fonteboa (Coristanco-A Coruña). Nestes centros impártense diversas especialidades formativas (ESO e Formación Profesional) en réxime de concerto educativo e múltiples programas de formación con impacto no territorio para dar resposta ás necesidades da contorna.


Uns 17.000 alumnos, en colaboración con 2.500 empresas

“A formación é o principal plan para fixar poboación no territorio e as EFAS buscan a inserción profesional dos mozos no rural”, manifesta Belén Rodríguez Lago, secretaria xeral da Federación EFA Galicia. Nesta liña, superan os 7.000 alumnos formados no ámbito da formación regrada e os 10.000 na non regrada, colaborando durante estes anos con máis de 2.500 empresas. En relación ao futuro profesional, máis de 300 alumnos continuaron estudos universitarios, máis de 6.000 lograron unha inserción profesional no rural e máis de 1.200 son na actualidade empresarios en diversos sectores do rural.

Desde a colaboración e a convicción de medrar todos xuntos, os centros de Promoción Rural - EFA aplican o sistema de alternancia educativa e fomentan un liderado baseado no servizo. Convencidos da potencialidade do medio rural, forman ao alumnado para que poida desenvolver o seu proxecto profesional no territorio, e promoven a innovación, a sustentabilidade, a internacionalización, a inclusión e a cooperación. Por este motivo, organizan ou colaboran en proxectos de innovación e experimentación, fomentan as mobilidades de alumnado e docentes en Europa e con países en vías de desenvolvemento, ao tempo que organizan proxectos de cooperación e inclusión con impacto na educación e no desenvolvemento. Ao longo destes anos, máis de 2.600 estudantes participaron en mobilidades e leváronse a cabo máis de 200 proxectos de investigación, cooperación e inclusión.


Dous de cada tres alumnos formados nas EFAS traballan no rural

“Son moitos os cambios tecnolóxicos do pasado recente e as melloras en infraestruturas e de equipamentos, pero non son suficientes para ter un medio rural cohesionado e sostible. O factor determinante é o capital humano, as persoas con formación, con arraigo territorial e con sentimento de pertenza”, sinala Belén Rodríguez Lago. Así, apunta que “nas comarcas nas que as EFA teñen anos de experiencia téñense demostrado cambios significativos como que a xuventude non emigra en masa cara ás cidades, melloran as explotacións agrarias, inícianse procesos de emprendemento, as mulleres son protagonistas activas na vida social… En definitiva, a formación das EFA propicia a emerxencia de actores de desenvolvemento local”.

Nestes 50 anos nas EFA de Galicia cursaron programas de Formación Profesional preto de 5.000 persoas, das cales dúas de cada tres desenvolven a súa actividade profesional no rural, en variadas actividades nos sectores agroalimentario e servizos principalmente.


O evento conta coa colaboración de empresas e entidades como a Consellería do Medio Rural, Ence, Gadisa, Lactalis, Leche Río, Fundación Juana de Vega, Viveros Growin, Xenética Fontao, Navigator Company, De Gea, Mascato, Ecoenner, Construcciones Espiño, Embutidos Domínguez, Progrando, Cooperativa Agraria Provincial e Inleit.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page