As carteiras e carteiros de Lalín informan de que hai acumulados centos de envíos sen repartir
- ecosdacomarca

- 9 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
As carteiras e carteiros de Lalín queren informar a tódolos veciños de Dozón, Rodeiro, Agolada e Lalín que na oficina de reparto "hai actualmente acumulados centos de envíos sen repartir. En caso de estar esperando algún documento importante, deben acudir pola oficina da Rúa Enrique Vidal Abascal e preguntar por ditos envíos. Tamén se poden presentar reclamacións na páxina web: www.correos.es ou nas oficinas de atención ó público".

A situación, apunta, "acadou tal punto que carece de toda responsabilidade por parte da empresa Correos, que neste mes de agosto deixou a estes empregados nunha situación insoportable. Das 23 prazas totais que existen, tan só hai cubertas 10".
Tamén, aseguran, "se está a incumprir o horario establecido, quedando algunha persoa traballando dúas ou tres horas por enriba da xornada. Nalgún caso por "argucia" do suposto responsable e outras sendo plenamente conscientes da irregularidade que están cometendo".
Publicidade
Ademais, aseguran que "os poucos contratos que se realizan non cubren totalmente a ausencia do empregado titular, pretendendo aforrar fins de semana e festivos co fraude que eso supón para os traballadores eventuais. Cando comezan algún contrato, xa atopan acumulada unha carga de traballo moi difícil de poñer ó día".
Publicidade
Todo isto provoca, segundo lamentan estes profesionais, "situacións de ansiedade e estrés que moitas veces derivan en baixas por IT coa repercusión que ten na saúde das traballadoras e traballadores. A Correos parece importarlle máis ben pouco toda esta situación pero o certo é que máis dun 35% da plantilla está a padecer doenzas derivadas desta precariedade laboral".








Comentarios