top of page
Perruquería Marisa.gif

Arzúa traballa na mellora do campo da feira do centro urbano

Contémplase actuar sobre a carballeira e a zona asfaltada para subsanar as deficiencias actuais


Laura Moure/ Arzúa

A contorna do Campo de Feira de Arzúa, en pleno casco urbano da vila, está sendo estes días obxecto dunha actuación de mellora coa finalidade de reparar o estado actual dos pavimentos e dar unha solución á zona arborada.

 

Nesta zona convive unha parte asfaltada e outra de arborado, con carballos, resultando a totalidade da explanada unha zona de aparcadoiro e ao mesmo tempo é o lugar onde se celebran as feiras os días 8 e 22 de cada mes, ademais das festas que ao longo do ano se organizan na vila.  

Os traballos, que  estes días está realizando a empresa Espiño, tratarán de dar solución á zona arborada, que está resolta a base de zahorra con zonas de alcorques ao mesmo nivel, presentando numerosas deficiencias ao contar cun uso de aparcadoiro igual ao resto da explanada. Son numerosas as pozas e fochancas que en moitas ocasións fan pouco transitable este espazo, non respectando os alcorques existentes e mesmo, nalgúns casos, danando as árbores a causa dos golpes de vehículos.


A actuación, na que se investirán un total de 32.000 euros, permitirá ademais acondicionar a zona asfaltada dado o estado de deterioro desta explanada.


As obras que se están realizando pretenden, polo tanto, darlle unha solución eficaz que resolva este espazo para poder ser empregado de maneira conxunta e que, ante todo, respete as árbores. Así estase procedendo ao acondicionamento da zona central arborada efectuando un subsolado mecánico do lugar, retirada do material sobrante e en mal estado con apertura de caixa para un novo aporte de solo-cemento compactado. Procederase, así mesmo, ao novo acondicionamento de zonas de alcorques dotándoos dunha nova capa de biomasa triturada coa reparación e mellora das llantas que conforman os alcorques co fin de mellorar a protección das árbores e evitar o golpeo cos vehículos.

Estase actuando, tamén, sobre a zona asfaltada efectuando os cortes necesarios para intervir sobre as partes en mal estado, procederase ao fresado das mesmas e a incorporación dunha nova capa de aglomerado de seis centímetros. O proxecto inclué, ademais, traballos de conservación e mellora da madeira da marquesiña existente no lugar mediante limpeza, lixado e tratamento da estrutura e do seu entaboado.

 

A concelleira de Obras, a socialista Begoña Balado, salientaba este mércores a importancia desta intervención que “permitirá conservar un dos nosos patrimonios máis aprezados, a carballeira do Campo da Feira, ao tempo que resolverá os problemas da explanada coa mellora do seu firme”.



 

32 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page