Unha excursión á Pobra de Trives clausura o programa Coñece o teu país 2026 de Arzúa
As inscricións comezarán o vindeiro martes, 15 de setembro
Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o vindeiro sábado día 19 de setembro a cuarta e última excursión do programa Coñece o teu país deste ano. Así, de maneira totalmente gratuíta, o Concello ofertou un total de catrocentas corenta prazas e organizou saídas a Tui, Monforte de Lemos e San Andrés de Teixido rexistrando en todas elas un grande éxito de participación e satisfacción.

Como de costume, no mes de setembro, a provincia ourensá é o destino dun cento de arzuáns e arzuás que este ano coñecerán máis de preto a localidade da Pobra de Trives. En concreto realizarase unha visita guiada con acompañamento dunha guía oficial a esta vila e tamén se visitará, no mesmo municipio, o Mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives, un dos exemplares máis significativos do románico do país. A súa construción remóntase ao século XII e unha das súas singularidades é que ao interior da igrexa accédese por unha peculiar ante igrexa cuberta e con fachada propia.
PUBLICIDADE
As inscricións comezarán o vindeiro martes, 15 de setembro, e segundo indicacións do Departamento de Cultura, cada persoa interesada poderá anotar como máximo a unha acompañante.
As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición. Todas aquelas persoas que desexen apuntarse poden facelo de maneira totalmente gratuíta no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30 e as 14:00 horas.
PUBLICIDADE
O concelleiro de cultura, José Luís García, agradece “a todas as persoas participantes a súa confianza ano tras ano” nun programa do que di “sentirse moi orgulloso porque tanto impulsa coñecer, valorar e potenciar todo o patrimonio cultural, paisaxístico e histórico de Galicia; como tamén favorece a socialización entre veciñas e vecinos”.









Comentarios