Arranca unha campaña de sensibilización nas vías convencionais galegas para os usuarios vulnerables
- ecosdacomarca
- hace 6 horas
- 2 Min. de lectura
A Garda Civil de Tráfico entregará elementos reflectantes de alta visibilidade a persoas que camiñan pola estrada sen portar o chaleco facendo fincapé nas persoas maiores
Ecos da Comarca/Xeral
A Delegación do Goberno en Galicia informou este domingo de que a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) iniciará hoxe, luns 11 de maio, unha campaña de sensibilización destinada ás persoas usuarias vulnerables nas estradas convencionais da Comunidade que se estenderá ata o vindeiro domingo, día 17.
Esta campaña ten como característica que se desenvolverá exclusivamente en Galicia, e está promovida e coordinada polas Xefaturas Provincias de Tráfico das catro provincias. Isto é posible porque, cada ano, a DGT reserva unha semana dentro das campañas especiais de control e vixilancia anual a unha campaña que reflicta unha temática que xere especial preocupación nunha zona concreta.
PUBLICIDADE
En Galicia esa preocupación céntrase nos últimos anos no colectivo de usuarios vulnerables (peóns, ciclistas e motoristas) que, no que levamos de ano 2026, concentra o 46% das persoas falecidas en estradas galegas (10 peóns e 1 motorista).
Obxectivos
Por unha banda, esta campaña márcase como obxectivo concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa propia posición vulnerable, lembrándolles a necesidade de facerse visibles con elementos e pezas reflectantes, usar os sistemas de protección específicos como o casco así como a indumentaria adecuada para circular con bicicletas e motocicletas ou de cumprir e respectar as normas que lles afectan especificamente.

Nesta liña, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil entregarán elementos reflectantes de alta visibilidade a aquelas persoas que se despracen camiñando pola estrada sen facer uso do obrigatorio chaleco, en especial ás persoas maiores. A DGT advirte que o perfil das persoas falecidos por atropelo en Galicia é o dunha persoa maior de 65 anos que viste de escuro e que se move polas vías camiñando ou cruzando sen ningún tipo de elemento que lle faga máis visible.
Xunto a este obxectivo, a campaña quere sensibilizar aos condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante perante a súa presenza na vía. Neste caso, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, encargados de levar a cabo a campaña, recordarán a estes condutores a necesidade de facerse ver na estrada, reducir ou moderar a súa velocidade ao toparse con usuarios vulnerables, extremar a precaución nos cruces e xiros, mirar polos espellos
retrovisores con frecuencia, usar as sinais intermitentes de sinalización e respectar a distancia lateral dun metro e medio para adiantar a un ciclista ou peón que tamén estea usando a calzada.
PUBLICIDADE
Os usuarios vulnerables
Os usuarios en situación de vulnerabilidade son aquelas persoas que por diferentes circunstancias, ben polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento empregado, teñen máis probabilidade de verse implicados nun sinistro de tráfico ou de resultar mortos ou feridos como consecuencia do mesmo.
Polo tanto, o concepto inclúe aos peóns en xeral (nenos e nenas, adolescentes, persoas adultas, maiores e persoas con mobilidade reducida), así como a ciclistas, motoristas, persoas condutoras de ciclomotores e vehículos tipo tractor ou quad.




