Ecos da Comarca/Agolada
Este martes arrancou no colexio de Agolada o obradoiro de corresponsabilidade, que leva por título Na casa todos somos iguais, dirixido a todo o alumnado do CEIP Agolada. Este está incluído nas xornadas de igualdade organizadas polo departamento de Servizos Sociais do Concello. Este mércores o concelleiro de Servizos Socias, Marcos Galego, asistiu a unha das sesións deste taller, concretamente estivo na clase de primeiro e segundo de Primaria.
Este obradoiro está impartido por Fátima Rodríguez, xerente da empresa Talentea, e
continuará os días 16, 17 e 24 deste mes.
A corresponsabilidade fai referencia á responsabilidade compartida dunha situación ou actuación determinada entre dúas ou máis persoas e por iso, entre outras cuestións,
abordaron as tarefas domésticas que fan cada membro da familia. Entregáronlles unha
táboa onde cada cativo tivo que poñer quen convive na súa casa e nunha listaxe de distintas tarefas tiñan que marcar quen deses familiares (incluídos eles mesmos) fan iso habitualmente: facer o almorzo, facer as camas, pasar a aspiradora, sacar o can, levar o coche ao taller ou acompañar aos avós ao médico, entre outras.
Cabe mencionar que pasado mes de agosto a Deputación de Pontevedra concedeu unhas subvencións aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, destinadas ao fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para o ano 2021. O Concello de Agolada recibiu para tal fin 4.686,69 euros e con esta contía organizaron estas xornadas de igualdade. Ademais do obradoiro de
corresponsabilidade inclúen Enredadas, un obradoiro de madurez activa destinado ás mulleres das distintas parroquias e Cóidate muller, un ciclo de tres faladoiros que terá lugar do 24 ao 26 de novembro.
Commentaires