Arranca hoxe o III Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Lalín con seis proxectos
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 2 Min. de lectura
A Deputación impulsará o deseño e posta en marcha de proxectos que se atopan en fase inicial cun programa de asesoramento intensivo entre os meses de maio a xullo
Ecos da Comarca/Deza
A Deputación de Pontevedra arranca este xoves 15 de maio o III Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Lalín con seis proxectos empresariais en fase inicial aos que axudará co deseño e a posta en marcha da súas iniciativas. Esta iniciativa de SmartPeme+ terá lugar durante dous meses, ata a primeira metade de xullo, e consistirá nun completo programa formativo no que as persoas emprendedoras recibirán asesoramentos personalizados para axudar a materializar as súas ideas de negocio.
Tres dos proxectos seleccionados proceden da comarca de Deza, concretamente de Lalín, Silleda e Vila de Cruces. Desde Lalín, Juan Jesús Varela Amigo desenvolverá unha lavandería autoservizo para mascotas e bicicletas na que incorporará outros servizos asociados para darlle valor engadido. Desde Silleda, Gloria Lareo Neira desenvolverá A Fada da Aldea, un espazo de benestar e autocoidado persoal con perspectiva de xénero con venda de produtos de cosmética natural e actividades formativas baseadas no saber popular galego. Finalmente Priscila Saavedra Barros, de Vila de Cruces, participará co proxecto Tablón Arte, enfocado á elaboración de mobles artesanais únicos e de alta calidade.

Outros dous proxectos proceden da comarca de Tabeirós-Terra de Montes, tanto da Estrada como de Forcarei. A estradense Vanesa Lorenzo Bugarín participará coa axencia Casa Pío, dedicada á compravenda e alugueiro de propiedades e tamén ao alugueiro de vivendas de vacacións. Desde Forcarei, Pablo Villaverde López participa con Souto Life, unha consultoría e asesoría centrada na análise de parcelas que ofrece servizos de análises de terras, plans de fertilización, control de pragas ou plans de poda.
Finalmente, desde a comarca de Pontevedra, concretamente Campo Lameiro, Pablo Afonso Malvar participa no programa a través de NOZOA Permacultura, unha empresa especializada na execución de solucións innovadores e ecosostibles: creación de espazos urbanos verdes, reverdecemento de edificios e axudas ás empresas para cumprir coas novas leis europeas en materia de sostibilidade.
Publicidade
Estes seis proxectos recibirán a través do III Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Lalín un programa de asesoramentos individuais e personalizados adaptados ás necesidades específicas de cada participante. Tamén se lles achegará formación sobre o plan de empresa e de márketing e a análise do comportamento dos consumidores, así como sobre axudas para impulsar proxectos emprendedores, identidade corporativa ou produto mínimo viable.
Ademais, no marco do III Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Lalín, realizaranse encontros con empresas, nos que se darán a coñecer casos de éxito de edicións anteriores da iniciativa, accións de outdoor training e actividades de Lego Serious Play. Ao remate do programa terá lugar unha xornada de presentación dos proxectos onde un comité de avaliación fará entrega do premio á mellor iniciativa de emprendemento de entre os proxectos participantes.
Comments