Aprobado o proxecto para o arranxo integral da pista de Rabo de Gato, en Moalde, Silleda
- Laura Moure
- 26 may 2024
- 2 Min. de lectura
O investimento previsto no tramo, que vertebra varios núcleos de poboación desta parroquia, supera os 115.000 euros
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda continúa ca tramitación de proxectos para a mellora viaria do municipio. Así, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto para a reforma integral da pista de Rabo de Gato, na parroquia de Moalde. Esta actuación acometerase con cargo ao Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024, tamén coñecido como Plan Marco.

Trátase da pista que vai dende a conexión ca N-640 , no Alto de Xindiriz, ata o entronque da estrada que discorre pararela dende Cervaña. En total as obras afectarán a un tramo de case 2,4 kilómetros de lonxitude, vertebrando ademais os lugares de Xindiriz, Caxamaría e Rabo de Gato, nos que se mellorará notablemente o accesos aos mesmos.
Publicidade
Logo de conseguir todas as autorizacións sectoriais necesarias, e unha vez aprobado o proxecto polo goberno municipal, nos vindeiros días está previsto aprobar os pregos para a licitación dos traballos.
É un viario que acusa un notable deterioro e que se atopa nunha zona onde se concentran tamén varias explotacións agrogandeiras. Mellorarase toda a capa de rodadura desta pista, entre outras actuacións. O proxecto estima un orzamento base de licitación para o arranxo deste vial, de 115.980,92 euros. Nos dous últimos anos a través deste programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) executouse a mellora dos viais de
Balántiga e Cumbraos (en Escuadro), o de O Castro-Negreiros e a de Portapiñeiro, na parroquia de Piñeiro.
Publicidade
Esta iniciativa, súmase a outras melloras integrais que se acometerán nos vindeiros meses en distintos puntos do municipio silledense, mellorando sustancialmente a extensa rede viaria municipal.
Comments