Antón Branco: "QUE PASOU UN 24 DE MAIO DE HAI DEZ ANOS?"
- ecosdacomarca
- hace 26 minutos
- 3 Min. de lectura
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre décimo aniversario do cambio de goberno local deste concello
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre o décimo aniversario do cambio de goberno local deste concello.

QUE PASOU UN 24 DE MAIO DE HAI DEZ ANOS?
"Esa día algo estourou, coma cando gardas a respiración un longo tempo e respiras con toda a intensidade que as paredes dos pulmóns che deixan. Nun instante, as comportas cederon á presión. Ese momento, despois de rematar o reconto de votos en todas as mesas de Lalín produciuse unha transformación colectiva para quen nunca antes celebrara unha vitoria electoral. Un rito de paso, da infancia á adolescencia. Pum!
Coma se dun mandato newtoniano, a forza de gravitación da praza da igrexa congregou a centos de persoas, felices por comprobar que aquel feito incrible había uns anos, estaba diante nosa. O que fora alcalde durante 25 anos perdía a súa maioría absoluta, deixaba de gobernar Lalín. Abríase un novo camiño, aparecía unha alternativa. Unha que xa se albiscara na campaña electoral. Unha tríada unida, consciente da necesidade de ofrecer un grupo unido e valente; Compromiso por Lalín, PsdG- PSOE de Lalín e a PAC amosaron a súa disposición inequívoca de formar goberno (despois uniríase o BNG tras o quíntuple salto do seu novo número 1 por enriba daquel vilipendiado candidato) naquela praza, de noite e ante multitude de persoas. O conticinio máis ruidoso que recordo produciuse aquel 24 de maio, xa 25, sempre.
Publicidade
Despois dese día viñeron catro anos novidosos que trouxeron unha nova forma de xestionar, actualizando o goberno que, ata daquela, respondera a uns esquemas tradicionais anquilosados. Cun novo alcalde, continuador, en esencia, de quen viste, en espírito, ese Lalín que bota por fóra, un perfil herdeiro da ambición que quedou sementada nos fondos dun concello enferruxado. Dando pé a esa novidade tiñamos concellerías estruturais, navegadas polo tenente de alcalde e polos cadros máis relevantes dos partidos. Sumado a isto, había tamén espazo para a vangarda, da man da oferta cultural da concelleira da PAC. Tan relevante foi aquel goberno que o seguinte continuou case toda a súa actividade, modificando nomes e cambiando logotipos, mais o molar permanecía.
A algarabía durou pouco, os problemas apareceron en forma de rupturas, o transfuguismo, a feble política comunicativa e táctica, unha oposición indecorosa, disposta ao que fixera falla para alterar a percepción da realidade. A pesares diso, aquel goberno foi quen de navegar as dificultades e chegou en boa forma aos seguintes comicios: novas candidaturas, figuras potentes e un proxecto continuista. Iso si, o que non se pode perder de vista é a quen aproveita para gardarse e aprender. Catro anos dan para moito e máis se tés a maior organización do territorio. A victoria do PP en 2019 foi pírrica, pero valeu. A división de voto do transfuguismo, o relato de mal xestor do “cuatripartito” e máis a mobilización de todos os cadros populares fixeron que aquel alcalde que gobernara 25 anos volvera. Se naquel momento tivese habido unha soa lista quizais a historia fora outra, ás veces a unión fai a forza.
Publicidade
Este mes cúmprense dez anos daquel punto de non retorno. Recordo espertar pequeno e deitarme grande, un estirón político, á luz do día, sen darme conta, coma Gregor Samsa. Algo fixo crack na matriz popular. A dúbida pode conlevar ansiedade, e esta, perda do control. Agora miro cara adiante ao 2027, un novo maio (agardo que de flores cuberto), unha nova esperanza. Quen queira gañar debe interiorizalo primeiro, metelo na chencha, sualo nas noites de febre e despois observar as fortalezas e debilidades do rival, que non é un calquera. Onde é forte, golpea constante, onde é débil, golpea duro. Cómpre asumir riscos, cambiar, nunca se cruza o mesmo río do mesmo xeito. É posible un novo goberno. On lache rien".
Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Commentaires