top of page

Antonio de Pambre: unha figura moi querida do centro de Galicia

Ecos da Comarca/Xeral

Hoxe imos viaxar no tempo para lembrar a unha figura moi querida do centro de Galicia, un personaxe que deixou unha pegada imborrable na memoria de moitos: Antonio de Pambre.

Nacido en Pambre, en Palas de Rei, Antonio era coñecido por varias cousas. Primeiro, pola súa voz, que era moi aguda e característica. Pero se algo destacaba del era a súa limpeza. Nunha época sen as comodidades de hoxe, Antonio sempre sorprendía co brancas que levaba as súas camisas. Non tiña lavadora, pero si unha rutina: era habitual velo bañándose na Carronca, o lavadoiro de Ramil, en Agolada. Era unha persoa extremadamente aseada.


A diferenza doutros personaxes dos que falamos, Antonio era pura bondade. Non tiña nin un chisco de maldade. Era un home bo. A súa vida era un constante camiñar, percorrendo as aldeas do corazón de Galicia, sempre co seu saco ao lombo e unha baloira, un pau groso que usaba para apoiarse e tamén para espantar calquera animal que puidese ser unha ameaza. Para protexerse do tempo, sempre levaba varias chaquetas superpostas.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Aínda que era un home respectuoso, gustáballe moito meterse coas mozas. Tiña unha forma moi peculiar de dar a súa opinión: se lle preguntabas por unha rapaza e non lle gustaba, non dicía nada malo, simplemente cuspía. Con ese xesto, todo quedaba dito.


A súa vida foi dura. Antonio non tiña casa propia porque, segundo se conta, un irmán lle fixo unha trampa e quedou con ela. A raíz diso, viuse obrigado a andar dun lado para outro, buscando a vida. Moitas noites durmía no monte, ou mesmo dentro dunha mina abandonada para resgardarse do frío e da chuvia. Sempre intentaba ter un lume acendido para manter a raia os lobos ou calquera outra fera. Unha das súas frases máis famosas para escorrentalos era un sonoro "pasa can!", aínda que seguro que máis dunha vez tería que dicir "pasa lobo!".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Pero a pesar de non ter un teito, nunca lle faltou o cariño da xente. Era tan querido que moitas familias lle deixaban durmir nas súas cociñas, ao pé do lume, para que pasase a noite resgardado. Todo o mundo lle tiña un afecto especial pola súa forma de ser, pola súa bondade innata.


Tristemente, o seu final chegou de forma abrupta. Antonio de Pambre faleceu arredor do ano 1978, vítima dun atropelo en Boente, no concello de Arzúa, poñendo fin á historia dun home que, sen ter nada, o tiña todo: o respecto e o cariño da súa xente.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page