Coincidindo con esta data, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou onte o Día da lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou onte nas homenaxes feitas ao autor cruceño Xosé Neira Vilas coincidindo coa celebración do 96 aniversario do seu nacemento. Nos actos, que se levaron a cabo na sede da Fundación que leva o seu nome, fíxose unha lectura continuada de Memorias dun neno labrego, unha das obras máis universais da literatura galega e, de feito, a máis traducida e editada.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, felicitou á Fundación Neira Vilas polo labor que desenvolve e que “segue mantendo vivo o recordo e o espírito dun dos máis grandes escritores das letras galegas”. Neste sentido, Valentín García salientou a figura do crucense que “grazas a actividades como as de hoxe, poñemos de manifesto o valor que deu e continúa dando á literatura da nosa terra e ao uso da nosa lingua”.
No marco deste acto, o secretario xeral da Lingua lembrou que coincidindo con esta data a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude festexa tamén o Día da lectura. Con este motivo, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de obras en galego así como o impulso que recibe o sector grazas ás diferentes convocatorias de premios como o Xosé Neira Vilas de literatura infantil que pechou hoxe o prazo de recepción de textos.
Publicidade
O libro en galego máis editado e traducido
Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015), foi un recoñecido e premiado escritor galego, membro da Real Academia Galega, e galardoado coa Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia. Conta cunha ampla produción narrativa entre a que destaca Memorias dun neno labrego, que acabou converténdose no libro escrito en galego máis editado e traducido.
Esta obra, publicada en 1961, narra a historia de Balbino, un neno que medrou nunha aldea galega e que tivo que afrontar as dificultades da vida rural e a sociedade daquela época. Co tempo acabou converténdose nun clásico da literatura galega, onde se retrata a vida dunha xeración marcada pola emigración e a pobreza.
Comments