top of page

Altri, un perigo moi grave para o río Ulla

Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Presas


Antonio Presas, xeógrafo lalinense

En ECOS DA COMARCA compartimos este artigo autoría de Antonio Presas, xeógrafo lalinense.


ALTRI, UN PERIGO MOI GRAVE PARA O RÍO ULLA

A longa serie de datos de aforos dispoñibles, recollidos de forma regular desde 1971 ata 2020, na estación de Ponte Arcediago, permite analizar o estado hidrolóxico do río Ulla e a súa evolución ao longo de 49 anos. Non son os valores medios de caudal mensual e anual os que imos ter en conta nesta análise, senón os valores diarios, o caudal medio diario, que sofre fortes variacións relacionadas coa estacionalidade (verán-inverno) e presenta fortes oscilacións interanuais.

As medicións de caudal en Ponte Arcediago empezaron en 1957, realizadas pola empresa hidroeléctrica Moncabril e, anos máis tarde, será Fenosa a encargada das medicións, aínda que os rexistros existentes, desde 1971, foron recollidos, sistematicamente, pola Confederación Hidrográfica.


1- A longa serie de aforos do río Ulla en Ponte Arcediago

En Ponte Arcediago afórase a conca superior do Ulla, que abarca unha superficie de 520 Km2, practicamente a mesma que vai subministrar e renovar as augas que pretende captar a celulosa Altri, situada en A Vacariza (Palas de Rei). Incomprensiblemente unha gran celulosa, vai a captar as augas dunha pequena subconca fluvial na súa cabeceira, o Alto Ulla, baixo o artificioso engano de que a fonte subministradora é o descomunal encoro de Portodemouros, pero, a efectos hidrolóxicos, esa non é a realidade.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Pois ben, todo o que suceda na conca alta do Ulla vai a afectar á captación que succiona do encoro as aportacións do Ulla Superior, a veces, incluso nunha cantidade superior á do propio caudal do río. Entre 1971-2020, os datos de aforos rexistráronse por anos hidrolóxicos (comezo das medicións en outubro e finalización no mes de setembro do ano seguinte), abarcando un total de 46 anos de aforos case completos, é decir 549 meses ou 16.752 días. O historial de aforos diarios é moi ilustrativo, porque detalla polo miúdo como se atopa o caudal río durante 24 horas, pero, tamén, son importantes outros datos:

_Caudal medio do período completo (1971-2020): 13,46 m3 /segundo

_Caudal máximo diario rexistrado: 542 m3 /segundo o 30 de decembro de 1978

_ Caudal mínimo diario rexistrado: 0,14 m3 /segundo o 22 de setembro de 2007

_Caudal máximo mensual: 120,06 m3 /segundo en febreiro 1979

_ Caudal mínimo mensual: 0,23 m3 /segundo en setembro 2007


2- O grave problema bioquímico das augas encoradas en Portodemouros

Os aportes que chegan á cola do encoro de Portodemouros proceden da conca superior do Ulla e coinciden, practicamente, coas medicións realizadas en Ponte Arcediago, polo que toda a problemática que presenta o mal estado da auga neste lugar verase multiplicado por un factor dous ou tres cando as augas quentes de uso industrial da macrocelulosa se vertan na cola do encoro. Aquí é onde radica un dos máis graves e serios problemas relacionados co incremento da inestabilade bioquímica das augas do encoro, cada vez nun estado de eutrofización maior.


Está previsto, dentro da credibilidade que merecen os informes ambientais da celulosa, que os vertidos acadarán unha temperatura de 27-28ºC e que se devolverán ao río uns 30.000 metros cúbicos diariamente. Este volume de auga equivale a 347 litros por segundo (0,347 metros cúbicos/segundo). Así que, cando o caudal do río sexa inferior a 1 m3 /segundo, entramos en situación crítica e supercrítica cando sexa inferior a 500 litros/segundo. Nada mellor que uns exemplos para aclaralo. Supoñamos que o caudal do río no verán é de 500 litros/segundo e a súa temperatura 18ºC e, a iso, temos que engadirlle os vertidos da celulosa, 347 litros/segundo a unha temperatura de 28ºC. O resultado da mesturanza de ámbolos dous caudais fará que a temperatura media da auga ascenda a 22ºC, un auténtico "caldo de cultivo" para as cianobacterias que colonizan as verdes augas da "cola do encoro".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

No rexistro foronómico non só atopamos rexistros de caudal extremadamente baixos, como os 140 litros/segundo de varios días de setembro 2007, senón, tamén, promedios mensuais moi reducidos como o caudal medio de setembro dese mesmo ano, que foi de 230 litros/segundo. Nestas condicións a temperatura media da mestura sería duns 24ºC durante todo un mes, polo que a proliferación de cianobacterias acadaría uns valores impensables e a calidade de augas do encoro veriase perturbada ata extremos descoñecidos polo e agora.

A nivel de conxunto de todo o encoro de Portodemouros o problema da proliferación das cianobacterias non é algo que se cociñe no seu interior, senon que se forman nas desembocaduras dos ríos contaminados que verten nel (Beseña, Iso-Boente, rego do Muiño, Arnego), pero de forma moi especial no propio río Ulla á altura da ponte de Belmil. A súa evolución ata o momento actual foi progresiva, pero a nova ameaza da instalación dunha fábrica de celulosa, río arriba, incrementa a súa inestabilidade e converte ese enclave no centro xerador máximo de cianobacterias, un problema que se verá aínda máis agravado pola tendencia do aumento anual de días con caudal inferior a 1.000 litros/segundo. Ese caudal estaba nun promedio de 10 días por ano ao comezo da serie (1972), subiu a 38 días en 2020 e, dentro de 10 anos (2035), segundo nos indica a "liña de tendencia logarítmica" ascenderá a 48 días de promedio anual. Esta asombrosa tendencia ao aumento anual de días con caudal inferior a 1 metro cúbico por segundo está marcada polo implacable cambio climático que empeora as condicións hidrolóxicas do río Ulla.


Nesas condicións, propias da situación presente, é inasumible a construción dunha celulosa en A Vacariza, porque as condicións futuras serán cada vez peores.


Antonio Presas, xeógrafo lalinense.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page