Alumnos do IES Laxeiro de Lalín e un docente do IES Pintor Colmeiro de Silleda, premiados en Galiciencia
- Laura Moure
- hace 5 horas
- 7 Min. de lectura
Laura Moure/Deza
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-, clausurou este venrers a edición do seu 20 aniversario, baixo o lema “Neurociencia e saúde mental”. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. Foron premiados alumnos do IES Laxeiro de Lalín e un docente do IES Pintor Colmeiro de Silleda.
No acto de entrega de premios participou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Estivo acompañada da alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa; o delegado territorial da Xunta
de Galicia, Manuel Pardo; o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Javier
Rodríguez; o secretario da Confederación de Empresarios de Ourense, Jaime Pereira; a
directora do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, María Jesús Carnero.

Durante o evento houbo un convidado moi especial, que se conectou coa rapazada por videoconferencia: o ourensán Carlos Nieto, primeiro gañador de Galiciencia -en 2006-, que na actualidade traballa como neurocientífico en Moscú. No transcurso do acto, o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, anunciou a temática de Galiciencia 2026, que versará sobre a “Ciberseguridade”, coincidindo co construción en Tecnópole do Centro de
Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
O primeiro premio
Marta Lama, do IES Rosalía de Castro de Santiago, fíxose co primeiro premio desta edición pola súa proposta “Mente activa”. Trátase dunha caixa de xogos para persoas con
enfermidades neurodexenerativas, como Alzhéimer e Párkinson, que presentan un
deterioro cognitivo leve. “Son xogos sinxelos para a identificación de cores e formas de letras, deseñados para estimular e exercitar a atención, a memoria e as habilidades visuoespaciais; co fin de que estas persoas adquiran o hábito de exercitar as súas
capacidades cognitivas e mellorar así a súa calidade de vida” -explica-. Indica que é “unha alternativa máis atractiva e estimulante que os métodos tradicionais usados en
residencias de maiores e centros de día, como os crebacabezas, os cadernos ou as mantas sensoriais, que resultan pouco motivadores; e mellor que os xogos dixitais, que lles son difíciles de utilizar”. Fronte a isto, presenta un deseño baseado en luces, cores e música clásica. Tras probar o seu invento con varias persoas, afirma que “a opinión dos usuarios é moi positiva e a caixa é fácil de utilizar, motivando a seguir xogando de forma regular, desfrutando mentres realizan os exercicios”. O premio, dotado con 1.000 euros, permitiralle financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo premio
O segundo equipo clasificado foi o formado por Daniel Díaz e Carlos Fernández, do CPR Divino Maestro de Ourense, que deseñaron “SaudApp”, unha solución dixital sinxela e
eficaz para que calquera persoa poida coidar a súa saúde mental. A aplicación permite
rexistrar o estado emocional a través dun formulario diario, practicar meditación, levar un diario de gratitude e acceder a contidos recomendados como vídeos, podcasts e artigos
sobre benestar mental. Ademais, conta cun sistema de recompensas baseado en rachas
diarias: os usuarios acumulan moedas que poden gastar en personalizacións como fondos, músicas e audios de meditación guiada. “Se as persoas usan SaudApp de maneira constante, adoptarán hábitos máis saudables e mellorarán o seu benestar mental e emocional” -aseguran-. Este segundo premio, de 500 €, permitiralles participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.
Terceiro premio
O terceiro premio foi para o proxecto de Eila Lago e Daniela García, do Colexio María
Auxiliadora – Salesianos de Vigo, centrado na transformación de papel reciclado, materia
orgánica, cinza e outros refugallos nun biocombustible eficiente e sustentable,
denominado termoecobriks de biomasa. Avaliaron diversas mesturas de materiais e aglutinantes naturais para crear “un biocombustible sólido que proporciona unha boa eficiencia térmica e unha combustión estable”. Ademais, salientan que “a vantaxe dos
materiais empregados é que son accesibles e de baixo custo; son materiais naturais e
reciclados, sen aditivos sintéticos; non precisan maquinaria industrial nin tratamentos
enerxéticos, facendo a súa fabricación máis sostible e accesible, garantindo un produto
limpo e seguro”. O equipo recibiu 200 € para a compra de material científico e/ou
tecnolóxico para o seu centro.
Máis innovador: xeración de electricidade sostible con auga de chuvia
O proxecto máis innovador foi o de Alejandro Fernández e Sergio Vales, do IES Laxeiro de Lalín (Pontevedra). Propoñen xerar electricidade de forma sostible e eficiente mediante a
instalación de microturbinas nos canalóns das vivendas e edificios para aproveitar a forza da auga da chuvia. “Así poderase xerar unha cantidade significativa de electricidade e
reducir o consumo da rede eléctrica convencional, co consecuente aforro económico; en
particular en fogares, pequenas industrias e explotacións agrícolas situadas en zonas con
alta pluviometría” -indican-. Aseguran que pode ser unha solución viable para a
autoxeración eléctrica.
Proxecto feminino: un filtro caseiro para reutilizar a auga da secadora
O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena foi o de Cintia Pérez e Iago Fernández, do Colexio Pablo VI - Fátima da Rúa (Ourense). Propoñen a fabricación dun
filtro caseiro para eliminar deterxentes e suavizantes presentes na auga residual da
secadora, o que permite a súa reutilización en rega e acuarios. Para iso deseñaron un sistema de filtrado que elimina partículas sólidas e contaminantes químicos. “Realizamos probas comparando a auga antes e despois da filtración, avaliando a súa claridade e
impacto en plantas e peixes, e os resultados amosan que este filtro é unha solución eficaz,
sostible e de baixo custo para a reutilización da auga” -aseguran-.
Publicidade
Mellor método científico: un autobús intelixente
O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi o de Roi
Blanco e Elena Carro, do IES Rosalía de Castro de Santiago. Trátase dun sistema que permite detectar se os pasaxeiros levan o cinto de seguridade abrochado, co fin de reducir
as vítimas ante un posible accidente de tráfico. Emprega dous tipos de avisos, un luminoso e outro auditivo, para alertar aos usuarios en caso de non ter posto o cinto; emitindo unha mensaxe de agradecemento aos pasaxeiros que actúen correctamente. “Con estes sinais pretendemos que calquera persoa, aínda que sofra algún tipo de invalidez auditiva ou visual, poida ter as mesmas oportunidades de viaxar segura” -indican-. Esta idea xurdiulles por unha mala experiencia nun autobús no que viaxaban e que os levou a investigar sobre o tema, descubrindo que o 86% das vítimas en accidentes con autobuses son causadas por non levar o cinto de seguridade.
Mellor comunicación: unha palliña para filtrar e potabilizar auga contaminada
Roque López e Irene Díaz, de Aulas Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense), fabricaron unha palliña para a filtración de auga doce. Sinalan que, “para solucionar o problema de carencia de auga potable propoñemos unha palliña económica e práctica que potabiliza a auga contaminada ao instante”. Xa deseñaron un prototipo con materiais
accesibles e, segundo os resultados obtidos, afirman que logra eliminar os microorganismos e os contaminantes químicos a niveis seguros para o consumo humano,
cun custo inferior a 5 euros. Agora esperan poder desenvolver un programa piloto nunha comunidade rural para avaliar o seu impacto real.
Mellor proxecto de “Neurociencia e saúde mental”: o consumo de vexetais de folla verde axuda a previr o Alzhéimer
O mellor proxecto vencellado coa neurociencia e a saúde mental foi o de María Rodríguez, do Colexio Maristas Santa María de Ourense. Desenvolveu un estudo para
analizar os hábitos da poboación, co fin de determinar que factores poden reducir o risco
de padecer Alzhéimer. “Adóitase pensar que o Alzhéimer é incontrolable, pero un 35% dos casos débense a causas que podemos modificar. Está na nosa man optar por hábitos que
poidan axudar á súa prevención” -manifesta a rapaza-. Nesta liña, segundo as súas investigacións, o consumo de vexetais de folla verde seis veces por semana axuda a gañar
ata 11 anos cognitivos.
Mellor proxecto de FP: un sistema de carga de baterías con hidróxeno
Como mellor traballo de FP recoñeceuse a Borja García e Sergio Vázquez, do IES Laxeiro
de Lalín (Pontevedra). Deseñaron un sistema de xeración de enerxía sostible para a carga
de baterías, tanto de diferentes tipos de vehículos como de dispositivos eléctricos. Trátase dun sistema híbrido que combina a enerxía solar coa de hidróxeno. Aseguran que presenta un alto potencial para a súa aplicación en talleres mecánicos e tamén para uso
particular, en electrodomésticos e ferramentas eléctricas.
Mellor valoración popular: un robot para mellorar o benestar emocional
O premio do público foi para Iago Calvelo e Mateo Leránoz, do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Partiron da idea de que certas intervencións externas, como a música ou
mensaxes motivacionais, poden xerar cambios positivos no estado de ánimo. Deseñaron
un robot que actúa como sistema terapéutico, mediante o recoñecemento de emocións e
a xeración de respostas adecuadas. O sistema está provisto de tres botóns, que, ao seren
pulsados, activan unha función específica segundo a emoción representada: ledicia, tristeza ou enfado. Compleméntase cunha aplicación para o móbil, que permite
determinar a emoción predominante e responder axeitadamente, xa sexa amosando unha
mensaxe positiva ou reproducindo música acorde coa emoción detectada. Os rapaces
aseguran que o robot actúa como terapia, axudando a gañar confianza e autoestima.
Publicidade
Concurso de fotografía a través de Instagram
A alumna gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram foi Aitana Sierra, do
Colexio Miraflores do Pereiro de Aguiar, coa imaxe “Diferentes xeracións, diferentes
pensamentos, diferentes mentalidades”, na que reflicte a unión entre os membros dunha
mesma familia.
Na categoría de docentes, o premiado foi Javier Fondevila, do IES Pintor Colmeiro de Silleda, coa instantánea “Patrón de Moiré como ilusión óptica”, que amosa o efecto que se forma cando se superpoñen varias liñas.
Comments