Alba Forno reclama a José Crespo unha estratexia municipal contra a seca en Lalín
"Non podemos acordarnos da auga cando empeza a faltar", recalca a voceira socialista
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, reclama ao goberno de José Crespo a elaboración dunha estratexia municipal para afrontar os períodos de seca e tratar de garantir a dispoñibilidade de auga ante un problema que, advirte, "deixou de ser excepcional para converterse nunha realidade á que Lalín ten que adaptarse". Forno considera que "está ben pedir responsabilidade á veciñanza” e considera que “todos debemos facer un consumo responsable, pero a responsabilidade non pode recaer exclusivamente nos cidadáns, senón que o Concello tamén ten que facer os deberes", afirma.

A socialista lembra que Lalín vén sufrindo episodios importantes de escaseza cada verán, que serán cada vez máis intensos debido ao cambio climático, sen que o goberno do PP poña en marcha ningún tipo de medida preventiva. "A receita repítese cada ano: cando empeza a faltar auga, pedir que se aforre e esperar que chova. Iso non é unha política de prevención", sinala.
PUBLICIDADE
A socialista insiste en que "o cambio climático obríganos a gobernar doutra maneira e non podemos chegar á próxima seca para volver falar exactamente do mesmo. Queremos que Lalín se prepare antes de que falte a auga", conclúe.
Aproveitar mellor a auga que temos
O PSOE propón desenvolver unha estratexia que permita reter e aproveitar parte dos recursos hídricos dispoñibles nos meses de maior precipitación para reducir a vulnerabilidade durante o verán, estudando tecnicamente sistemas de almacenamento e novas reservas alí onde sexan ambiental e hidrolóxicamente viables. "En Galicia temos que ver como somos capaces de xestionar a auga dos meses de chuvia, como coa loita contra os incendios, é importante prepararnos durante o inverno para non improvisar no verán", explica Forno.
A formación socialista considera tamén imprescindible monitorizar e auditar permanentemente a rede municipal de abastecemento para localizar perdas e actuar sobre elas. Nesta liña, Forno lembrou que "no último contrato de abastecemento de auga non se incorporaron medidas como a auditoría da rede, a monitorización das perdas, a dixitalización do sistema ou a modernización das infraestruturas, mantendo un abastecemento rudimentario que pode chegar a ter perdas do 30%”. "Antes de pedirlle a unha familia que aforre cada litro temos que garantir que a propia rede municipal non estea perdendo unha parte importante da auga que captamos", sinala.
PUBLICIDADE
Recuperar as traídas veciñais
Forno recupera ademais outra proposta presentada polo PSOE e aprobada no seu momento polo Pleno como é a de elaborar un programa municipal para recuperar as traídas veciñais e pequenos sistemas tradicionais de abastecemento existentes nas parroquias. "Moitos están abandonados ou necesitan actuacións e poden constituír, cando as condicións sanitarias e técnicas o permitan, un recurso complementario que reduza a presión sobre a traída municipal", explica.
Os socialistas insisten en facer un inventario do seu estado, analizar a calidade e capacidade dos recursos existentes e establecer unha planificación para a súa recuperación, que foi aprobada polo Pleno
PUBLICIDADE
Xoga Lalín
Respecto ao Xoga Lalín, o PSOE valora positivamente que nesta edición se optase por reducir á metade ou eliminar incluso nalgúns días os inchables que precisan auga. "Outros anos criticamos que se pedise á veciñanza aforrar mentres se consumían miles de litros en actividades lúdicas e respondéronos demagoxicamente dicindo que estabamos en contra da diversión dos nenos, pero este ano dannos a razón e o goberno do PP está a facer exactamente o que pediamos”.










Comentarios