Alba Forno reclámalle explicacións a José Crespo "por votar no Senado para recurtarlle a Lalín 1,5 millóns de euros de finanzamento"
- ecosdacomarca
- 8 mar 2024
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, reclámalle explicacións inmediatas ao alcalde e senador, Crespo Iglesias, tras o seu voto no Senado para que
Lalín deixe de ingresar 1,5 millóns de euros de fondos estatais. "O senador Crespo opúxose co seu voto aos novos Obxectivos de Estabilidade Orzamentaria presentados polo Goberno de España, o que na práctica se traduce en que Lalín vai perder ao redor dun millón e medio de euros no orzamento municipal, que se poderían destinar a políticas públicas e a proxectos en beneficio dos lalinenses".

“Isto é unha cantidade notablemente superior á que o Concello recibe en 2024 de fondos da Deputación, daría para pavimentar unhas 90 pistas en mal estado no rural, para cubrir múltiples necesidades sociais ou para impulsar infinidade de iniciativas de emprego e dinamización económica e cultural,” indicou.
Publicidade
A tamén voceira municipal explicou que Crespo “condenou ao seu propio concello a recibir menos fondos estatais” cuestión que cualificou como “escandalosa e indignante”, asegurando que “alguén que vota en contra de ter máis capacidade económica para destinar á veciñanza do seu propio concello debería preguntarse se merece seguir como alcalde”. Afirmou que “a xestión de Crespo no Senado en temas de importancia como a AP-53 foi inexistente, pero non lle treme o pulso á hora de votar en contra de Lalín por intereses puramente políticos”. “Para iso”, engadiu, “era preferible que seguira sen facer nada como ata agora”.
Publicidade
Alba Forno anunciou que o Grupo Municipal Socialista levará ao vindeiro Pleno unha moción para que o rexedor explique o seu voto contrario aos Obxectivos de Estabilidade Orzamentaria presentados polo Goberno de España e lamentou que o PP faga valer a súa maioría absoluta para que as comunidades autónomas, incluída Galicia, perdan 1.500 millóns e os concellos 3.500 millóns. Indicou que esta proposta plenaria “situará a Crespo no seu lugar, pois terá que explicar desde a presidencia do máximo órgano de representación da cidadanía de Lalín por que quere recibir menos fondos estatais para destinar a políticas en beneficio da xente”.
Alba Forno recordou que Crespo mostrouse publicamente contrario en moitas ocasións á Regra de Gasto aplicada polo propio PP “e agora que que se afrouxa, opta por volver apretar ese corsé”. Lembrou tamén que “levan desde as municipais acusando ao Goberno central de deberlle cartos a Lalín, pero agora vota para deixar de percibir uns 1,5 millóns de euros”. “A súa credibilidade a partir de aquí é igual a cero, o alcalde ten que dar a cara e ofrecerlle explicacións aos seus veciños e veciñas”, concluíu.
Comments