Alba Forno propón a creación en Lalín dunha rede de aulas de estudo durante todo o ano
- ecosdacomarca

- 9 jun
- 2 min de lectura
A voceira socialista levará ao pleno unha moción para habilitar novos espazos
municipais de estudo e reforzar a oferta nos períodos de maior demanda
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, presentará no vindeiro pleno unha moción para impulsar a creación dunha rede de aulas de estudo, co obxectivo de dar resposta á crecente demanda existente entre estudantes universitarios, alumnado de Bacharelato, opositores e persoas que preparan diferentes probas ao longo do ano.

Forno explica que nas últimas semanas recibiu numerosas peticións de mozos e mozas que reclaman máis espazos axeitados para estudar así como para facer traballos grupais, especialmente nun período marcado pola PAU, os exames e traballos finais e os procesos selectivos de oposición. “Valoramos positivamente a ampliación de horarios realizada este ano na biblioteca, pero a realidade é que non chega para cubrir toda a demanda existente. Hai días nos que resulta moi complicado atopar sitio e cada vez son máis as persoas que precisan destes espazos”, sinala.
A iniciativa socialista proporá habilitar novas aulas de estudo e traballos grupais aproveitando instalacións municipais xa existentes, como o Edificio Sociocultural Manuel Rivero, ou outros inmobles de titularidade municipal que poidan cumprir esta función, especialmente nos momentos de maior afluencia.
PUBLICIDADE
Para a portavoz socialista, facilitar espazos adecuados para estudar non é un luxo, senón unha necesidade. “Se queremos que Lalín sexa un lugar atractivo para vivir, tamén temos que ofrecer servizos que respondan ás necesidades reais da mocidade. Hai centos de mozos e mozas esforzándose para sacar adiante os seus estudos ou preparar unha oposición e o Concello debe acompañalos nese camiño”, afirma.
Forno lembra ademais que esta non é unha reivindicación nova. De feito, a creación de novos espazos de estudo foi unha proposta defendida polo PSOE en múltiples ocasións e tamén figuraba entre os compromisos electorais do propio Partido Popular, que chegou a anunciar unha “sala de estudo intelixente aberta as 24 horas os 365 días do ano”.
PUBLICIDADE
“Pasaron máis de tres anos desde aquelas promesas e seguimos sen coñecer avances. O mesmo ocorre con outros anuncios realizados na campaña de 2023 dirixidos á mocidade e á dinamización cultural, como o festival de música de verán ou a recuperación dos cines, pero como sempre quedaron en grandes anuncios e nulos resultados”, apunta.
A portavoz socialista considera que Lalín necesita menos titulares e máis solucións concretas aos problemas cotiáns da veciñanza. “Mentres outros están centrados na propaganda, nós seguimos levando ao pleno propostas útiles, realistas e que responden ás necesidades que nos traslada a xente”, conclúe.








Comentarios