Alba Forno pide que se retome o convenio de colaboración con Roteiros de Lalín
- ecosdacomarca

- 5 jun
- 2 min de lectura
Na ruta de encontros con colectivos de Lalín, a voceira socialista preocupouse polo
“abandono deste Goberno” a un colectivo que ten “moita vida e moita actividade”
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSOE de Lalín, Alba Forno, continúa coa ruta de encontros con colectivos da vila para coñecer de primeira man as súas necesidades. Nestes días, tocoulle a Roteiros de Lalín, un colectivo deportivo que foi totalmente “abandonado por este Goberno”, cando a realidade é que “ten moita actividade e dálle moita vida ao noso concello”.

Durante a reunión, puido coñecer todas as actividades que están levando a cabo e como se están a xestionar tras a “desaparición do convenio de colaboración que tiñan co Concello de xeito arbitrario”. Aínda así, a voceira destaca o gran traballo que están facendo por manter a súa actividade dende 2023, ano no que o Goberno deixou de colaborar con Roteiros.
PUBLICIDADE
A voceira resalta que é un colectivo que mantén moitas zonas coidadas, “xa que nos transcursos das rutas realizan moitos traballos de rozas”. Indica que isto debíano ter en conta dende o Goberno e tamén pregunta como están a xestionar o mantemento de dúas das cinco rutas homologadas. “Tres delas xa teñen entidades que se encargan de coidalas, pero hai dúas que é traballo do Concello, por iso nos preguntamos como están a xestionalas”.
Forno pon en valor o gran traballo que fan dende Roteiros, que como club deportivo conta con máis de 50 federados/as, e tamén manifesta a relevancia que ten en cada actividade que organizan. “Vemos como as rutas da Alvariza ou a recén organizada en Camposancos tiveron un grande éxito, e iso é froito do seu gran traballo e da súa constancia por promocionar a nosa zona”, resalta. Engade que o impacto no turismo “é evidente, xa que en cada ruta suman numerosos visitantes e son un atractivo para os turistas que se achegan á nosa zona”. Tamén traballar por resaltar o patrimonio cultural, natural e arqueolóxico do concello de Lalín.
PUBLICIDADE
Ante isto, Forno pídelle ao Goberno que reconsidere retomar o convenio de colaboración con este colectivo, “que ten moita actividade e que precisa dese diñeiro para levar a cabo todas as actividades do ano”.








Comentarios