Alba Forno pide explicacións ante a confusión xerada co lanzamento do Bono Comercio en Lalín
- ecosdacomarca

- 27 may
- 2 min de lectura
Os socialistas preguntarán no pleno por que xa se poden descargar bonos sen que exista información pública nin comercios adheridos visibles
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista, Alba Forno, pídelle explicacións ao goberno local ante a confusión xerada arredor da posta en marcha do Bono Comercio de Lalín, despois de comprobar que xa é posible descargar os bonos a través da plataforma habilitada na internet, ou das aplicacións para móbiles, sen que exista, polo momento, información oficial clara sobre o funcionamento da campaña.
Así, sinala que que xa están activas unha web específica e as APPs a través das que calquera persoa pode rexistrarse e descargar un bono desconto en formato QR. Porén, ao acceder ao apartado de comercios adheridos non figura ningún establecemento dispoñible, o que está provocando dúbidas entre veciños e veciñas que descoñecen se os bonos xa poden utilizarse ou non.

Forno sinala que varias persoas trasladaron xa a súa sorpresa tras descargar os bonos e comprobar ademais que estes aparecen cunha data de caducidade moi próxima, sen que exista comunicación pública oficial do Concello nin información sobre cando comezará realmente a campaña.
A voceira socialista sostén que probablemente se trate dun problema de coordinación ou dun lanzamento anticipado da plataforma antes de completar todo o proceso administrativo e de adhesión dos negocios, pero entende que o Concello debe aclarar de inmediato a situación para evitar máis confusión entre a cidadanía e os propios comerciantes.
PUBLICIDADE
Alba Forno lembra ademais que esta iniciativa se puxo en marcha grazas á proposta levada a cabo polo PSdeG-PSOE de Lalín e aprobada polo Pleno, tras anos defendendo a creación dun Bono Comercio en Lalín.
“Nós sempre defendemos esta iniciativa porque cremos que pode ser unha ferramenta moi positiva para apoiar o comercio local e dinamizar o consumo en Lalín. Alegrámonos de que se sigan dando pasos para a súa posta en marcha, aínda que seguimos considerando insuficiente a contía destinada polo goberno local”, sinalan os socialistas.
PUBLICIDADE
Neste sentido, lembran que o PSOE propón unha partida de arredor de 40.000 euros para desenvolver unha campaña máis ambiciosa e con maior impacto económico no tecido comercial da vila.
Por último, o grupo municipal socialista anuncia que formulará preguntas no próximo pleno municipal para coñecer en que situación real se atopa a campaña, cando entrará definitivamente en funcionamento e por que motivo xa se poden descargar bonos sen información pública previa nin comercios adheridos visibles.








Comentarios