Alba Forno pide ao Concello de Lalín que reclame medidas urxentes ante o avance do verme soldado
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 min de lectura
A voceira socialista advirte do impacto dunha praga que xa está a causar importantes danos nos cultivos de millo da comarca e numerosas perdas para as explotación gandeiras
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín insta ao Concello de Lalín a liderar unha reclamación ante as administracións competentes para que adopten medidas urxentes que permitan minimizar o impacto da praga do verme soldado nas explotacións gandeiras da comarca.

A voceira socialista, Alba Forno, lembra que, apesares de que a presenza deste insecto non é unha novidade e leva anos detectándose en Galicia, a situación deste 2026 está a ser especialmente grave debido á súa expansión temperá e á intensidade dos danos provocados nos cultivos de millo. “As altas temperaturas rexistradas durante a primavera favoreceron a aparición anticipada da praga e a súa rápida proliferación, afectando xa a unha parte importante da superficie cultivada na nosa comarca”, sinala.
A socialista advirte de que o avance do verme soldado representa unha ameaza directa para a viabilidade de moitas explotacións gandeiras, xa que o millo constitúe unha peza fundamental na alimentación do gando. A perda de produción obrigará a numerosas granxas a incrementar a compra de forraxes e pensos, asumindo uns custos adicionais nun contexto xa marcado polo aumento dos gastos de produción e pola incerteza nos prezos percibidos polos produtores.
PUBLICIDADE
“O cambio climático está a favorecer a aparición e expansión de novas pragas e enfermidades, e todo apunta a que esta situación non será puntual, senón que pode
repetirse e agravarse nos vindeiros anos. Por iso é necesario actuar con previsión e ofrecer ferramentas reais de apoio ao sector”, destaca Alba Forno.
Así mesmo, tamén lamenta que a Consellería de Medio Rural limite a súa resposta a reclamar actuacións ao Goberno central cando a situación require medidas inmediatas desde a propia Xunta. “É evidente que determinadas cuestións normativas dependen doutras administracións, pero iso non pode servir de escusa para eludir responsabilidades. A Xunta ten competencias para activar axudas directas, reforzar o asesoramento técnico ás explotacións, impulsar medidas de prevención e acompañar economicamente aos gandeiros e gandeiras afectados. O sector precisa solucións hoxe, non só peticións de actuación para un futuro incerto”, sinala a voceira socialista.
PUBLICIDADE
Por este motivo, os socialistas solicitarán ao Concello de Lalín que traslade esta preocupación ás administracións competentes e que se poña ao lado dun sector estratéxico para a economía e para o futuro do rural da comarca. “Os nosos gandeiros e gandeiras non poden afrontar en solitario as consecuencias dunha problemática que cada ano se ve agravada polos efectos do cambio climático. É momento de anticiparse, apoiar ao sector e ofrecer solucións”, conclúe Alba Forno.








Comentarios