top of page

Alba Forno informa que se pode conectar a internet de alta velocidade co programa 'Demanda Rural'

A socialista sinala que Lalín foi o concello máis beneficiado de toda a provincia de Pontevedra nas axudas do Goberno de España ao despregue da fibra



Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal socialista, Alba Forno, informou onte de que todos os lalinenses das zonas rurais que aínda non dispoñen de fibra óptica poden acceder igualmente a unha conexión de internet de alta velocidade,grazas ao programa estatal “Plan Único Demanda Rural”, impulsado polo Goberno de España. “Se ves o ceo, tes Internet”, sinalou Forno, facendo referencia á alternativa da banda ancha por satélite, a través de Hispasat, que permite dar cobertura ao100% do territorio, incluídas as zonas máis remotas, en igualdade de condicións co resto da cidadanía de zonas urbanas.

Forno informou de que a través do programa Conéctate 35, promovido por Hispasat, os usuarios poden contratar unha conexión de 200 Mbps en sentido de baixada cunha tarifa única de 35 euros ao mes, vixente ata o 31 de decembro de 2027 e sen compromiso de permanencia. Ademais, ata finais de 2025, o Goberno subvenciona o 100% dos gastos de instalación, incluída a antena, cableado e router, cun máximo de 600 euros. O servizo pode solicitarse de xeito sinxelo a través da páxina web www.conectate35.es .


Forno criticou a actitude do goberno local do PP, ao que acusou de “estratexia de confundir e confrontar” no relativo ao despregue da fibra óptica: “Fronte ao ruído e a

desinformación do goberno local, os socialistas preferimos ser útiles e informar con rigor.

Se a fibra aínda non chegou, a cidadanía ten alternativa. O Goberno de Pedro Sánchez ofrece solucións reais para que ninguén quede atrás”.



Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A voceira socialista lembrou tamén que o Plan UNICO Banda Ancha 2024 foi o último que contemplou subvencións para que as empresas estendan a fibra ata finais de 2025, sendo a empresa Avatel a adxudicataria na provincia de Pontevedra. No caso de Lalín, este plan contempla levar a fibra óptica a preto de 270 vivendas adicionais ás miles que xa contemplaron os plans anteriores.


Non obstante, Forno explicou que, en ocasións, as empresas renuncian á axuda porque non lles compensa levar a infraestrutura a lugares moi illados, onde apenas van ter clientes. “Parécenos curioso que Crespo fale de presionar ás empresas, con ese autoritarismo tan habitual, cando o que deberían facer é colaborar e informar en lugar de

confundir á veciñanza”.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Para todas aquelas zonas onde a fibra non chegue, a alternativa é clara: internet por satélite, sinalou. Forno tamén puxo en valor o papel do Goberno de España no impulso á dixitalización: “Somos líderes en Europa no despregue da fibra óptica e internet de alta velocidade e un dos tres países do mundo con maior nivel de dixitalización”.


Por último, a voceira socialista destacou que Lalín foi o concello máis beneficiado de toda a provincia de Pontevedra nas axudas do Goberno ao despregue da fibra, grazas á súa ampla extensión e dispersión da poboación.



Yorumlar


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page