Alba Forno esixe á Xunta a restitución inmediata dos coidadores nos centros de Lalín
- ecosdacomarca

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
Reclama “respostas urxentes” ás familias
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista, Alba Forno, esixiu onte á Xunta de Galicia e ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a restitución inmediata do persoal de atención educativa especial nos centros de Lalín afectados pola retirada de coidadores, concretamente no CEIP Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe e no CEIP Varela Buxán de Cercio, así como unha resposta clara e urxente ás familias.
Forno cualificou de “inaceptable” a situación que están a vivir os nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, destes centros do rural, onde a falta de persoal especializado está a deixar a alumnado sen a atención que precisa e á que ten dereito.

Forno mostrou o seu apoio ás familias e á comunidade educativa de Cercio e Vilatuxe nas súas reivindicacións e lembrou que compartir unha coidadora entre centros “non é unha solución, é un parche que non garante nin a atención nin a seguridade”, sinalou.
A voceira lembrou que existen informes favorables da Inspección Educativa que avalan as demandas das familias, polo que considera aínda máis grave a falta de resposta por parte da Consellería.
Forno enmarcou esta situación dentro do modelo educativo do PP, que —segundo sinala— “leva anos aplicando recortes que afectan directamente á calidade do ensino público e á atención ao alumnado máis vulnerable”. Neste sentido, advertiu de que non se trata dun caso illado, senón dunha problemática que se vén repetindo desde o inicio do curso en distintos puntos de Galicia e que agora afecta directamente a Lalín.
PUBLICIDADE
“É unha forma de entender a educación que non prioriza a inclusión nin a igualdade de oportunidades”, afirmou.
A voceira apelou directamente ao conselleiro, Román Rodríguez, “que ademais é de Lalín”, para que teña unha “sensibilidade” ante esta situación e actúe con urxencia. Ao mesmo tempo, cuestionou a actitude do goberno local “cun alcalde ausente, máis pendente de Madrid e de facer cocidos en Nova York ca das necesidades importantes das familias”.
PUBLICIDADE
Moción ao pleno
A voceira local anunciou que, no caso de que non se produza unha solución inmediata, o seu grupo levará unha moción ao pleno municipal para esixir formalmente á Xunta a reposición dos Técnico de Integración Social e garantías de que esta situación non se repetirá no próximo curso.








Comentarios