top of page

Alba Forno denuncia que "os lalinenses pagan 1,5 millóns de euros máis en impostos"

16 oct
3 min de lectura

"Mentres o Concello deixa o 30% do investimento sen executar", engade a socialista


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, cuestionou o balance triunfalista realizado polo goberno municipal do Partido Popular sobre a Conta Xeral de 2025 e denunciou "que o Concello os lalinenses pagaron en 2025 case 1,5 millóns de euros máis en impostos directos e taxas que o que pagaban antes da subida de impositiva" aprobada polo alcalde popular, José Crespo en 2023. E todo, advertiu, "mentres deixaron sen executar case o 30 % dos investimentos previstos". Forno lamentou que a concelleira de Facenda evitase falar do incremento da presión fiscal, da elevada débeda municipal ou dos investimentos pendentes. “Coma sempre”, dixo, “Paz Pérez presumiu de boa xestión, pero esqueceuse de contar a parte que máis lle importa á xente que é canto máis está pagando e que recibe a cambio”.

 

A socialista lembrou que unha das primeiras decisións de Crespo despois das eleccións municipais de 2023 "foi aprobar a maior suba de impostos da historia de Lalín, cun incremento do 25 % no tipo impositivo do IBI urbano e a recuperación doutros impostos como son as plusvalías. Deste xeito, mentres o Concello ingresaba 3,1 millóns de euros polo IBI urbano en 2023, en 2025 xa superou os 4 millóns, é dicir, as familias pagan 805.000 euros máis. Entre 2024 e 2025, a recadación por este tributo aumentou en case 240.000 euros".

 

Alba Forno xunto ao Consistorio.
Alba Forno xunto ao Consistorio.

“Crespo prometeu xestión e o que trouxo foi un sablazo fiscal. Hoxe os lalinenses pagan máis de 800.000 euros adicionais cada ano polo IBI urbano, pero seguimos sen saber onde está a mellora dos servizos que debería acompañar ese esforzo”, cuestiona Forno.

 

A voceira socialista adverti de que a maior recadación non se limita ao IBI. "En 2025, o Concello contabilizou 6.128.889 euros en impostos directos, entre os que se atopan tributos como o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e as plusvalías, que o PP decidiu volver cobrar. Precisamente, Forno puxo o foco na recuperación deste imposto. Só en 2025, o Concello contabilizou 236.173 euros por este tributo, case nove veces máis que en 2024, cando ingresara 26.420 euros. Ademais, a recadación superou amplamente as propias previsións do goberno local, que só contemplaba 75.000 euros por este concepto".

  PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Crespo dixo nun pleno que era liberal e que quería o diñeiro no peto dos lalinenses e non no concello, pero a realidade é que atopou nas familias e nos negocios de Lalín unha maneira de ingresar máis, pero non foi capaz de transformar ese esforzo económico en respostas ás necesidades da veciñanza”, sinala.

 

Case o 30 % dos investimentos sen executar

 A Conta Xeral tamén revela "que o Concello deixou sen executar 1.770.356 euros dos investimentos previstos para 2025, o que representa o 27,6 % do orzamento definitivo destinado a investimentos reais. No conxunto do orzamento municipal quedaron sen executar máis de 3,19 millóns de euros". Forno considera que “é moi difícil presumir de boa xestión cando deixas sen executar tres de cada dez euros que tiñas previstos para investir en Lalín e máis aínda cun goberno cheo de dedicacións exclusivas, e asesores”, critica.

 

A socialista considera que estas cifras reflicten "o esgotamento dun modelo de goberno que acumula anuncios e proxectos, pero que ten serias dificultades para convertelos en melloras concretas para a veciñanza".

 

"Un Concello endebedado que destina millóns a derrubar vivendas"

Alba Forno tamén pon o foco na débeda municipal, que, malia reducirse durante 2025, continúa situada en case 8 millóns de euros. A voceira socialista lembra que o Concello "destinou durante o pasado exercicio máis de 2,6 millóns de euros ao pagamento de préstamos e gastos financeiros, dos cales máis de 376.000 euros corresponderon a xuros bancarios".

  PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Neste contexto, Forno cuestiona as prioridades dun goberno "que impulsou unha operación de arredor de 2,5 millóns de euros para adquirir dúas vivendas destinadas a ser derrubadas no marco do proxecto da Gran Praza. “emos un alcalde capaz de gastar millóns en comprar casas para tiralas mentres o principal problema de moitas familias e persoas traballadoras é precisamente atopar unha vivenda en Lalín. “Esa é a diferenza entre gobernar pensando en grandes proxectos e gobernar pensando nas necesidades da xente", afirma.

 

A voceira socialista conclúe que a Conta Xeral de 2025 “non é o retrato dunha xestión exemplar, senón dun goberno que recada máis, mantén unha débeda elevada e deixa investimentos sen executar. Despois de tantos anos de Crespo, Lalín necesita que os cartos públicos se traduzan en vivenda, mellores servizos, oportunidades para a mocidade e atención ao rural. Non chega con ter máis ingresos, hai que saber para que se utilizan".




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page