Alba Forno denuncia que "o PP desmantelou a Policía Local e pon en risco a seguridade da veciñanza"
- ecosdacomarca

- 12 dic 2025
- 2 Min. de lectura
A socialista sinala que Concellos máis pequenos, como Caldas, Cambados ou Tui, teñen máis policías locais e municipios de tamaño similar chegan a duplicar os efectivos de Lalín
Ecos da Comarca/Lalín
A secretaria xeral e voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, denunciou onte a “crise absoluta” na que o alcalde, José Crespo, "deixou a Policía Local, reducindo o corpo a só oito axentes en servizo actualmente, unha cifra escandalosamente insuficiente para unha vila de máis de 20.000 habitantes e que sitúa a seguridade de Lalín en entredito”. Forno explicou a dimensión da problemática lembrando que concellos con moita menos poboación dispoñen de máis efectivos ca Lalín. “Silleda, con 9.000 habitantes, conta seis axentes malia ter sufrido xubilacións recentes; Cambados e Caldas de Reis, tamén máis pequenos, teñen 10 e 11; e Tui chega aos 11. Pola súa parte, concellos da entidade de Lalín, como Ponteareas teñen 16, O Carballiño (17) ou Redondela (25), dobrando os números de Lalín. “Isto evidencia unha realidade innegable que é que o goberno de Crespo desmantelou por completo a Policía Local”, afirmou.

Alba Forno subliña que “ante esta situación a seguridade das e dos lalinenses está seriamente comprometida e en mans caseexclusivas da Garda Civil, porque o Concello non é capaz de garantir un servizo policial básico”. A voceira socialista advirte de que esta isto se produce, ademais, “nun momento de certa tensión social nas rúas, con varios episodios de roubos en vivendas nas últimas semanas e outras incidencias no casco urbano, co Concello totalmente ausente”. Subliñou que non hai axentes polas noites, apenas presenza policial nas rúas e que a pouca Policía Local que hai está infrautilizada e “parece que só se emprega para multar na zona azul, mentres a vila queda desprotexida”.
Ademais, recordou que a Policía Local debe colaborar coa Garda Civil en ámbitos sensibles como o Protocolo VioGén, polo que a falta de efectivos “compromete seriamente a capacidade de resposta ante casos de violencia machista”.
Publicidade
A voceira sinala a Crespo como responsable directo desta situación, “porque non soubo planificar, non convocou prazas cando tocaba e agora Lalín paga as consecuencias. Hoxe temos unha Policía Local insuficiente, sen medios, sen persoal e incapaz de garantir a seguridade no concello”.
Un proceso selectivo "cheo de chapuzas e paralizado"
Forno lembrou tamén que o PP é incapaz nin sequera de repor as prazas vacantes, xa que o proceso selectivo para incorporar tres novos axentes está “totalmente embarrado nun mar de irregularidades”. “Tiveron que repetir o exame teórico porque había respostas marcadas. Tiveron que repetir a proba física porque as bases falaban de minutos e non de segundos. Os aspirantes protestaron, o proceso está estancado e Lalín continúa sen os novos axentes. É unha chapuza detrás doutra, impropia dun goberno serio”, lamentou.
Mesmo cando esas tres prazas se cubran, Forno advertiu de que “Lalín seguirá moi por debaixo do mínimo razoable, chegando apenas a 11 ou 12 axentes nun municipio de máis de 20.000 habitantes”.
Publicidade
Nas Exposicións Nacionais os cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas








Comentarios