Alba Forno denuncia a inoperatividade do helicóptero do 061 durante case 40 días
- ecosdacomarca
- 7 may
- 2 Min. de lectura
A socialista lalinense acusa á Xunta de desatender a cidadanía
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal socialista, Alba Forno, denunciou onte a situación "insostible" que vive Lalín e a comarca de Deza pola falla do helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que leva 38 días inoperativo por mor dunha avaría que aínda non foi reparada. A socialista acusa á Xunta de Galicia "de ser absolutamente incapaz de dar resposta a esta problemática, ao xestionar un contrato chapuceiro que non garantiu un servizo de emerxencias fiable, e de non ser quen de adxudicar un novo contrato en tempo e forma,
nin sequera pola vía da urxencia".

“É escandaloso que a Xunta do PP leve case 40 días sen ofrecer unha solución á avaría do helicóptero. É un despropósito que pon en risco vidas humanas e que demostra unha falla total de previsión e responsabilidade”, advertiu a voceira. Lembra que Lalín e a comarca de Deza dependen en boa medida deste helicóptero para a atención de accidentes e emerxencias sanitarias graves. A súa inoperatividade limita moito a capacidade de resposta sanitaria urxente o que pon en risco vidas en situacións nas que o tempo de resposta é chave.
Publicidade
Forno cualificou de cómico que o PP critique ao Goberno de España pola xestión dun apagón que quedou resolto en horas mentres non son quen de arranxar unha avaría nun helicóptero en máis dun mes. “O señor Feijóo veu hai uns días á Estrada a dar leccións
sobre emerxencias, cando tiña moi preto un helicóptero do 061 parado e unha Xunta
incapaz de ofrecer unha solución; soa a chiste, pero non o é”, concluíu.
Desde o PSdeG de Lalín reclámanlle á Xunta que actúe con urxencia e que dea unha solución inmediata, tanto arranxando a aeronave actual como adxudicando un novo contrato para este servizo que garanta a cobertura aérea permanente e con garantías. “A falla deste servizo pode custar vidas, e iso é algo que non imos permitir. A Xunta debe actuar dunha vez por todas, deixar de escusarse e garantir un servizo de emerxencias digno para Lalín e toda a comarca”, concluíu a voceira socialista.
Publicidade
Se a situación non se resolve de forma inmediata, o grupo municipal socialista valora levar ao vindeiro pleno do Concello de Lalín unha moción para instar á Xunta de Galicia a que restitúa o servizo do helicóptero do 061 sen máis demoras e axilice a contratación dun novo servizo que garanta a operatividade continua desta ferramenta sanitaria esencial.
Comments