Alba Forno chama a “facer que pase algo” en Lalín cun proxecto para “Vivir, Quedar e Coidar”
A candidata socialista sitúa a vivenda como unha das prioridades do seu proxecto xunto ao coidado dos servizos públicos, a conciliación, a atención ás persoas maiores e á mocidade
Ecos da Comarca/Lalín
A candidata á Alcaldía de Lalín, Alba Forno, chamou este venres a iniciar unha nova etapa no municipio e a “facer que pase algo” cun proxecto articulado arredor de tres grandes eixos: “Vivir, Quedar e Coidar”. Forno presentou publicamente a súa candidatura no Centro Sociocultural Manuel Rivero ante máis dun cento de persoas e asegurou afrontar esta nova etapa “con máis experiencia” e cun coñecemento moito maior do Concello, dos seus problemas, pero tamén das súas posibilidades.
Forno contrapuxo a realidade actual de Lalín coa existente cando José Crespo chegou por primeira vez á Alcaldía e incidiu en que “o Lalín de hoxe non ten nada que ver co Lalín de hai corenta anos e non se pode seguir gobernando igual”. A candidata resaltou que “cambiou a sociedade, cambiou o comercio, cambiou o rural, cambiou a maneira de traballar, de movernos, de comunicarnos e de formar unha familia”, motivo polo defendeu que estes cambios esixen tamén unha nova maneira de gobernar o Concello con “políticas progresistas e valentes” e "unha alcaldesa dedicada a tempo completo aos problemas de Lalín e non centrada en Madrid coma Crespo".

Nesta liña reivindicou a política municipal como unha ferramenta para mellorar a vida da xente e contrapuxo esta visión coa estratexia do PP local de "trasladar permanentemente o debate a cuestións alleas ás competencias municipais". “A min elixíronme para falar de Lalín. Para falar das cousas que lle pasan a unha persoa cando sae pola porta da súa casa. E aí é onde quero poñer o foco”, afirmou.
Un Concello que “pense primeiro nas persoas”
A candidata defendeu unha política municipal centrada nos problemas cotiáns da veciñanza e nas diferentes realidades que conviven en Lalín. Situou a vivenda como unha das grandes prioridades do seu proxecto, especialmente ante as dificultades que atopa a xente nova para desenvolver o seu proxecto vital no municipio. “Mentres haxa unha persoa nova que queira quedar en Lalín e non atope unha vivenda que poida pagar, para min esa é unha prioridade”, afirmou.
Referiuse tamén a problemas como falta de prazas públicas de escola infantil, as dificultades no transporte público, ou as poucas alternativas culturais e para a mocidade. Tamén citou a crise climática e o estado das captacións de auga tras os cortes sufridos este verán, as carencias sanitarias ou a falta de saneamento en boa parte do municipio tras décadas de goberno de Crespo.
Vivir, Quedar e Coidar
Forno resumiu o modelo de municipio que quere construír en tres palabras: Vivir, Quedar e Coidar. Vivir, explicou, significa un Lalín con servizos públicos, seguridade, conciliación, deporte, cultura e espazos públicos pensados para as persoas. “Un Lalín onde saias á rúa e pasen cousas”.
PUBLICIDADE
Quedar representa a creación das condicións necesarias para que unha persoa de vinte ou trinta anos poida decidir desenvolver o seu futuro no municipio “sen sentir que está renunciando” a el. Para iso, Forno sinalou como elementos fundamentais o emprego, o comercio e a vivenda, e lembrou a proposta socialista Lalín Aluga para mobilizar vivendas baleiras e facilitar o acceso ao alugueiro.
E Coidar abrangue tanto ás persoas maiores e ás familias como ás parroquias, ao patrimonio, ao medio ambiente ou á cohesión territorial, prestando especial atención
a quen máis necesita da Administración.
A candidata explicou que durante os próximos meses se reforzará o proceso de traballo xa iniciado e baseado na rúa e na escoita da veciñanza. “Lalín non pertence a ningún partido. Lalín pertence á súa xente”, reivindicou. “Podemos facer cousas diferentes. Podemos probar. Podemos equivocarnos. Podemos corrixir. Podemos volver intentalo. O que non podemos é quedar quietos”.
PUBLICIDADE
Forno reservou para o tramo final da súa intervención a mensaxe coa que quere abrir esta nova etapa política: “Que pase algo”. “Que pase algo nas rúas. Que pase algo nas parroquias. Que pase algo no comercio. Que pase algo entre a xente nova.
Que pase algo no Concello. Que volvan pasar cousas en Lalín. Que Lalín deixe de
moverse por inercia”, proclamou.
A candidata pechou a súa intervención lembrando que “eu estou preparada. O meu
equipo está preparado. Agora empeza o camiño. E que pase algo”.

O acto estivo conducido polo secretario de Política Municipal do PSdeG-PSOE de
Lalín, Daniel Santalla, e contou coa participación da secretaria de Organización do
PSdeG-PSOE e exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez; do secretario xeral provincial, David Regades; e do alcalde de Vilagarcía de Arousa e presidente da FEGAMP, Alberto Varela. O eurodeputado lalinense Nicolás González Casares, que se atopa estes días na India, participou a través dunha mensaxe en vídeo na que trasladou o seu apoio a Forno e ao proxecto socialista de Lalín.
Méndez puxo en valor a experiencia municipal de Forno e o seu coñecemento do Concello e trasladou o respaldo do PSdeG á candidata. Pola súa banda, Regades destacou a importancia económica, social e territorial de Lalín e o apoio da dirección provincial ao proxecto, mentres que Varela reivindicou o papel dos concellos como administración máis próxima á cidadanía e a capacidade dos gobernos municipais para transformar as vilas e cidades.









Comentarios