top of page

Abel Losada pon en valor en Cruces o Programa Cultiva para impulsar o relevo xeracional no campo

hace 11 horas
3 min de lectura

A gandería de Camanzo, especializada na cría e engorde de Porco Celta e Rubia Galega, recibirá durante cinco días a profesionais agrarios para compartir o seu modelo de produción, transformación e comercialización


Laura Moure/Vila de Cruces

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou onte a gandería situada no lugar de Camanceiros, na parroquia de Camanzo, en Vila de Cruces, seleccionada como explotación modelo de acollida do Programa Cultiva 2026 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Estivo acompañado de Fernando Calviño, titular da explotación; da técnica veterinaria da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), Cruz Castro; e do alcalde de Vila de Cruces, Luís Taboada.


A visita produciuse poucos días despois do peche do prazo para solicitar as estancias formativas desta edición, que rematou o 20  de setembro. O Programa Cultiva conta este ano cunha dotación inicial de 1,2 millóns de euros e ofrece un catálogo de 300 explotacións modelo de acollida de toda España. Desde a súa posta en marcha en 2020 acumula máis de 900 participantes. Neste caso desenvólvese en colaboración coa Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (ASOPORCEL) e da propia explotación.

Losada destacou que “esta iniciativa permite que o coñecemento e as boas prácticas que xa existen no noso rural se convertan nunha ferramenta de formación para outros profesionais. É unha maneira moi práctica de favorecer o relevo xeracional, a innovación e a modernización do sector agrario”.


A explotación visitada conta cunhas 15 hectáreas, 50 exemplares de Porco Celta e 25 cabezas de Rubia Galega. A súa actividade principal é a cría e engorde de Porco Celta, combinada coa venda directa ao consumidor e a comercialización de leitóns para outros cebadoiros.


O proxecto destaca tamén pola aposta por incrementar o valor engadido da produción. Dispón da marca propia CMF Celtaporc e participa, xunto con outro gandeiro, na cooperativa que xestiona a carnicería Orixes Galegas, en Boqueixón. Comercializa os seus produtos con clientes particulares e coa alta restauración e participa en feiras e actividades de promoción. A explotación contribúe ademais á conservación de razas autóctonas, especialmente do Porco Celta, raza en perigo de extinción.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

“Aquí vemos que producir é só unha parte do proxecto. Hai tamén transformación, comercialización directa, cooperación entre produtores e recuperación dunha raza autóctona. Precisamente este tipo de experiencias son as que Cultiva busca compartir e trasladar a outros profesionais do sector”, sinalou o subdelegado.


A estancia formativa prevista nesta explotación terá unha duración de cinco días e desenvolverase na segunda quincena de abril de 2027. Entre os contidos que abordará figuran a xestión económica das explotacións, o uso de tecnoloxías dixitais, o benestar animal, a recuperación de razas autóctonas, as prácticas sostibles, os sistemas de calidade e a transformación e comercialización agroalimentaria. A entidade encargada da súa xestión é ASOPORCEL.


Formación directamente nas explotacións

O Programa Cultiva está dirixido a profesionais agrarios titulares de explotación de ata 40 anos e tamén a maiores de 41 que se incorporasen á actividade nos últimos cinco anos. As persoas participantes poden formarse en explotacións de calquera punto de España e o programa cobre os gastos de aloxamento, manutención e transporte, ademais de contemplar unha compensación polos gastos de substitución necesarios para atender a súa propia explotación durante a estancia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Losada agradeceu finalmente “a implicación de Asoporcel e, especialmente, das explotacións que abren as súas portas para compartir o seu coñecemento e experiencia”. “O seu compromiso é imprescindible para que un programa coma Cultiva funcione e para que o coñecemento adquirido durante anos no territorio poida servir a unha nova xeración de profesionais”, concluíu.


Na provincia de Pontevedra, o Programa Cultiva 2026 conta con 5 explotacións modelo de acollida, situadas en Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Tomiño, Redondela e O Rosal. En conxunto, ofertan 11 estadías formativas de cinco días, que se desenvolverán entre febreiro e setembro de 2027.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page