Alba Forno acusa ao PP de “irresponsabilidade” ao xerar alarma innecesaria entre os maiores co Imserso
Lembra que as viaxes continúan exactamente igual e que as persoas usuarias seguirán podendo acceder ao programa cumprindo os mesmos requisitos de sempre
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, lamentou este semana "a campaña de alarma impulsada polo Partido Popular arredor dos cambios nos convenios do programa de turismo do Imserso" e pediu responsabilidade á hora de informar ás persoas maiores sobre unha cuestión tan sensible. Considera “profundamente irresponsable” que o PP trate de xerar preocupación entre as persoas maiores, desinformando e utilizando politicamente o Imserso cando o acceso ao programa está plenamente garantido. “

“Foron moitas as persoas que estes días nos preguntaron preocupadas que vai pasar coas viaxes do Imserso. E a resposta é moi sinxela: as viaxes van seguir exactamente igual”, asegurou. Forno explicou que os usuarios seguirán recibindo a comunicación nas súas casas e poderán facer as reservas nas axencias de viaxes, por teléfono ou a través da páxina web do Imserso. “O único que desaparece son uns convenios antigos que mantiñan algúns concellos. Non desaparecen nin as viaxes nin os dereitos das persoas maiores”, subliñou.
A portavoz socialista defendeu que o novo sistema garante máis igualdade. “Ata agora existían prazas reservadas para determinados concellos que mesmo podían chegar a perderse se non se cubrían. A partir de agora todas as persoas maiores competirán nas mesmas condicións e segundo criterios obxectivos como a renda, a idade ou determinadas circunstancias persoais”, indicou. “O que non é lóxico e que moitas veces se acabaran adxudicando en función de quen chegaba antes, ou de quen facía cola máis cedo. Imaxinamos que o que di o alcalde de formar grupos se refería ás colas que se facían ás 6 da mañá e que agora desaparecerán”, indicou.
PUBLICIDADE
Respecto ás críticas do PP sobre a brecha dixital, Forno considera que teñen unha solución moi sinxela. “Se realmente lles preocupa que algunhas persoas maiores teñan dificultades para facer os trámites, o Concello pode habilitar perfectamente un servizo de apoio e asesoramento. Iso sería moito máis útil que organizar actos partidarios para crear preocupación”, afirmou.
A portavoz socialista lamentou tamén que o PP "pretenda presentarse agora como defensor das persoas maiores cando votaron en contra da revalorización das pensións e cando grazas ás políticas do Goberno de Pedro Sánchez os pensionistas cobran hoxe centos de euros máis ao ano que cando gobernaba M. Rajoy”, sinalou.
PUBLICIDADE
Por último, Alba Forno criticou a utilización partidaria das persoas maiores por parte do PP e considera “moi grave que se utilicen politicamente para intentar xerar confrontación. E máis aínda cando hai usuarios que nos trasladan chamadas e presións para asistir a actos organizados polo Partido Popular”.









Comentarios