Alba Forno acusa a José Crespo de converter ao Concello “nunha fábrica de sentenzas”
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 2 min de lectura
O PSOE de Lalín refírese a execución da sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, refrendada polo Tribunal Supremo, que obriga ao Concello a declarar nulo o nomeamento como funcionario de carreira do coordinador deportivo municipal
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, pediu onte explicacións ao alcalde, José Crespo, tras coñecerse a execución da sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, refrendada polo Tribunal Supremo, "que obriga ao Concello de Lalín a declarar nulo o nomeamento como funcionario de carreira do coordinador deportivo municipal por terse aprobado unhas bases contrarias ao ordenamento xurídico".

Para a portavoz socialista, “o realmente grave desta resolución é que a xustiza volva confirmar que o Concello fixo as cousas mal”. “Cando se fan prazas a medida e alguén reclama, saltan as costuras e isto é froito dunha forma de gobernar baseada en pensar que aquí todo vale e que nunca pasa nada”, afirmou.
PUBLICIDADE
Forno lembra que durante a tramitación do proceso xa existían advertencias xurídicas sobre os riscos de continuar adiante co proceso. “Queremos saber por que o goberno municipal decidiu seguir adiante a pesar das advertencias existentes e quen vai asumir agora as responsabilidades políticas e patrimoniais derivadas desta decisión.”
A portavoz socialista denuncia que “o Concello de Lalín leva demasiado tempo acumulando conflitos xudiciais en materia de persoal”. “Imos de sentenza en sentenza e de preito en preito. E iso ten un custo económico, administrativo e tamén de credibilidade institucional. O diñeiro dos veciños e veciñas non está para pagar os erros dun goberno que actúa con improvisación e sen o rigor que require a Administración pública.”
PUBLICIDADE
Para o PSdeG, esta resolución confirma unha forma de gobernar “na que demasiadas veces se actúa como se o Concello fose patrimonio exclusivo do Partido Popular”.
PUBLICIDADE
Forno advertiu ademais de que esta pode non ser a última resolución xudicial relacionada cos procesos de persoal impulsados polo actual goberno municipal.









Comentarios