top of page

Alba Forno acusa a Crespo de “cobrar máis ca nunca e facer menos” tras coñecerse a liquidación de 2025

“O Concello bate récord de recadación con preto de 10 millóns en impostos e taxas, pero ese aumento non se traduce nin en mellores servizos nin nun Lalín mellor”, sinala

 


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira municipal socialista, Alba Forno, acusou onte ao alcalde de Lalín, José Crespo, de “cobrar máis ca nunca e facer menos” tras realizar unha primeira análise da liquidación do orzamento de 2025, que confirma, segundo sinala, “o esgotamento dun modelo baseado en subir impostos, despilfarrar e non cumprir co que se promete”.

 

Alba Forno.
Alba Forno.

Forno destacou como principal dato que o Concello acadou unha recadación récord, con preto de 10 millóns de euros en impostos directos e taxas, “unha cifra nunca vista en Lalín que responde á suba de impostos aplicada polo goberno local”. Porén, advertiu de que ese incremento de ingresos “non se traduce nin en mellores servizos nin nunha mellor situación económica do Concello”.

 

“Estamos ante unha contradición evidente porque a xente paga máis ca nunca, pero Lalín non está mellor. E iso é responsabilidade directa do goberno de Crespo”, afirmou.

 

A voceira socialista lembrou que, a pesar desta elevada recadación, o Concello tivo que aprobar un Plan Económico Financeiro tras superar o límite de gasto permitido pola Lei en máis de 520.000 euros. “Gastouse máis do que se podía, o que agora obriga a aplicar control e axustes”, explicou.

 

Neste sentido, Forno advertiu de que esta nova etapa “vai limitar a capacidade do Concello para investir e tomar decisións con liberdade”, e alertou de que “non se poden descartar recortes en servizos ou mesmo novas subas de impostos”.

  PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

Ademais, puxo o foco nun dos datos máis relevantes da liquidación: a baixa execución dos investimentos. “O Concello deixou sen gastar case 2 millóns de euros en investimentos. É dicir, nin sequera son capaces de facer as obras que anuncian, mentres o Concello rolda xa os 11 millóns de euros de débeda, máis de 550 euros por veciño”.

 

A voceira reclamou ao goberno local “claridade e transparencia coa veciñanza” e preguntou directamente “de onde se vai recortar para cumprir co Plan Económico Financeiro”. “A xente ten dereito a saber que investimentos van quedar sen executar, que servizos se van ver afectados e se se van volver subir os impostos”, advertiu.

  PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Forno tamén puxo en dúbida o futuro de proxectos anunciados reiteradamente polo goberno local, como a gran praza, a mellora da rolda Leste ou as pistas de atletismo. “Se xa non se executan agora, que vai pasar cando haxa que apretar o cinto?”, cuestionou.

 

A este respecto, sinalou que “menos mal que Lalín conta cos máis de 6 millóns de euros de fondos europeos do plan EDIL aprobados polo Goberno de Pedro Sánchez, que van permitir seguir transformando a vila”, xa que, ao seu xuízo, “o resto da acción do goberno local está claramente comprometida”.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page