Agolada e a Xunta barallan a posibilidade de crear unha escola agrogandeira no municipio
- ecosdacomarca

- 5 mar 2021
- 1 Min. de lectura
Calvo reuniuse coa directora xeral de Desenvolvemento Rural para falar das parcelarias e abordaron levar a cabo a ampliación de camiños, polígonos forestaise novos accesos

Onte durante a reunión.
Laura Moure/Agolada
O rexedor de Agolada, Luís Calvo, e o tenente alcalde, Óscar Val, reuníronse esta mañá coa directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, nas oficinas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) en Compostela.
O Concello sinala que o tema central deste encontro foron as parcelarias paralizadas no municipio desde fai anos. De feito, cabe recalcar que o colectivo Queremos Parcelarias en Agolada leva tempo mobilizándose para visibilizar a importancia destes procesos que ademais contan cun amplo apoio veciñal.
Calvo e Santé, tal e como indica o Concello agoladés, falaron de levar a cabo "a ampliación de camiños, polígonos forestais, novos accesos" e incluso, chegaron a abordar a posibilidade "de crear unha escola de agrogandeiros".
Finalmente, decidiron traballar conxuntamente cara a mesma dirección. "Esta reunión é un paso adiante para garantir un desenvolvemento do rural de Agolada e cumprir co propósito de traer as parcelarias para o concello", asegura Luís Calvo. Desta forma, o alcalde comprométese a seguir coa loita que iniciou a Asociación Queremos Parcelarias en outubro de 2018 "e velar así polos intereses dos veciños".






Comentarios