top of page

Adxudicada a Veolia a segunda fase da Rede de Calor de Silleda, cun investimento de 150.000 euros

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A instalación, que foi seleccionada no Plan Clima do Ministerio e recibiu distintos recoñecementos, chegará nos vindeiros meses ata a rúa Progreso


Laura Moure/Silleda

O Concello de Silleda vén de adxudicar a que será a segunda fase da Rede de Calor con Biomasa, un proxecto pioneiro e respetuoso co medio que a abastece de calefacción e auga quente a varias dependencias municipais e privadas dende finais de 2018. A empresa Veolia Servicios Norte SAU resultou elexida como a mellor oferta das tres que se presentaron ao proceso de licitación. Esta firma é a adxudicataria dos traballos por importe total de 151.116 euros.


O prazo máximo de execución dos traballos é de dous meses. O acordo definitivo de adxudicación foi adoptado pola Xunta de Goberno Local nunha das últimas sesións. O Concello de Silleda recibiu unha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para acometer estas obras a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE).


Esta segunda fase, que levará a rede ata a rúa Progreso (á altura da actual Casa da Cultura) enmárcase na liña de proxectos singulares a entidades locais que favorezan o paso dunha economía baixa en carbono, no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020 do IDEA. “É unha boa nova para todos os veciños e veciñas de Silleda”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que dende a súa posta en marcha a Rede de Calor con Biomasa “demostrou non só ser unha instalación rentable senón que se convertiu nun referente a nivel do Estado”, indica.


A día de hoxe a Rede de Calor, que ten as súas instalacións nunha parcela municipal, abastece de calefacción e auga quente sanitaria a cinco instalacións: a Escola Infantil A Galiña Azul, o pavillón deportivo César G. Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a Residencia e Centro de Día dos Maiores e tamén ao Hotel Vía Argentum.


Na primeira fase, que se estrenou en outubro de 2018, construíuse a planta de produción de calor, así como as subestacións e unha rede de tubaxe de máis dun kilómetro de lonxitude. Con este novo proxecto a rede amplíase para dar servizo a actual Casa da Cultura, na rúa Progreso, onde se trasladará a Casa Consistorial. A rede existente ampliarase noutros 800 metros ademais de instalar no edificio unha subestación de 127,5 kw de potencia máxima. Con esta actuación prevese que se reducirán en 7,68 toneladas de CO2.


A Casa da Cultura de Silleda

Premio Galicia de Enerxía ao mellor proxecto de enerxías renovables

En 2018 a rede de Silleda foi unha das protagonistas da VI Noite de Enerxía, a gala de entrega dos premios outorgados pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, ao recibir a Rede de Calor o premio Galicia ao mellor proxecto de enerxías renovables con esta instalación pioneira. A actuación, que superou o millón de euros, comezou coa compra da parcela onde se sitúa a planta á Fundación Semana Verde. “Aos 816.587 euros da instalación, financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación, súmouse a compra da parcela na que se instalou a central de producción, con 138.336 euros aportados polo organismo provincial a través do mesmo programa.


Manuel Cuiña indica que a obra supón o primeiro paso dunha instalación que non só redundará nun maior aforro económico para as arcas municipais senón que suporá un maior reducción de emisións contaminantes.




0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page