Adianto do cartel do Festival da Luz de Boimorto
- ecosdacomarca
- 23 abr
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 24 abr
Será os días 29, 30 e 31 de agosto
Laura Moure/Boimorto
O Festival da Luz de Boimorto celebrarase este ano os días 29, 30 e 31 de agosto en Boimorto e contará coa presenza de artistas como Rozalén, a mexicana Vivir Quintana, Califato 3/4, Ariel Rot, Herdeiros da Cruz, Depedro, Dulce Pontes, Coti, Ultraligera, Mondra ou Los Limones . O evento conta, un ano máis, co apoio da Deputación da Coruña, que colabora na parte musical e instala cada ano no recinto o seu Mercado de promoción de produtos agroalimentarios e artesanais locais.
Publicidade
O deputado Antonio Leira asistiu na Fundación Paideia da Coruña á presentación do evento, "que vai máis alá do aspecto musical, xa que é un grande escaparate para a provincia no que se mestura cultura, aposta polo rural e solidariedade". No acto tamén se entregou a recadación solidaria do ano pasado a Agaela (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica), a principal beneficiaria dos fondos solidarios do ano pasado, cun total de 101.525 euros, Cruz Vermella e distintas entidades locais de Boimorto.
"Unha das razóns de ser do festival é poder axudar naquelas causas e a aquelas persoas desfavorecidas en moitos aspectos", sinalou Luz Casal.
Publicidade
A vicepresidenta de Agaela e afectada pola enfermidade, Susi Seoane, agradeceu "toda a axuda" que serve para mellorar a vida das persoas afectadas. "Canto máis dura, máis fermosa é a vida, máis feroz é a súa garra. Cando cae a negra sombra sobre nós, preguntámonos canto tempo brillará a nosa estrela", proseguiu nunha emotiva intervención con letras da artista que promove o evento.

Entre as novidades do festival deste ano está unha nova ampliación do recinto, xunto co aumento da programación e da oferta familiar e infantil. Tamén haberá unha importante aposta pola sustentabilidade, cunha celebración que xa conta con paneis solares para a zona familiar e xeradores que funcionan con biocombustibles.
コメント