Adega publica a Revista Cerna 94, co foco nos lumes, os impactos da moda ou a conservación do lobo
- ecosdacomarca

- hace 4 horas
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A organización ecoloxista Adega publicou o número 94 da Revista Cerna, a principal e máis senlleira publicación sobre ecoloxía e medio ambiente en Galicia. Esta nova entrega chega nun contexto especialmente delicado para a saúde da natureza e do medio ambiente, tras a peor vaga de incendios forestais da nosa historia recente; e sitúa os montes galegos, o modelo de consumo e os retos da conservación do lobo, das brañas ou dos ecosistemas fluviais no centro da reflexión.

A Cerna 94 abre as súas páxinas nos montes de Valdeorras, espazo protagonista dunha acción de voluntariado ambiental impulsada por ADEGA na que arredor de 70 persoas traballaron no freo das escorrentas e no control da erosión do solo tras os grandes incendios do verán. Xunto a esta experiencia, a revista recolle tamén unha serie de charlas formativas sobre restauración ambiental dos espazos queimados e o eco da mobilización social que levou milleiros de persoas a mobilizarse en Compostela baixo o lema “Lumes Nunca Máis”, unha mostra máis do compromiso do pobo galego coa defensa da terra.
Consumo, contaminación e decrecemento
Outro dos eixos centrais deste número é a análise do impacto ambiental da industria da moda, o segundo sector máis contaminante do mundo. A través dun artigo de Manuel Soto, a Cerna afonda na súa pegada ecolóxica, nas emisións globais, no consumo de recursos e na explotación laboral, cun convite a cuestionar os hábitos de consumo cotiáns e o modelo de produción dominante. Neste mesmo bloque, e como novidade destacada, a Cerna 94 incorpora o número 0 do fanzine O neno que non paraba de medrar, unha proposta creativa que, desde a crítica aceda e o humor, reflexiona sobre o consumismo e a necesidade de decrecer.
Publicidade
Conservación da biodiversidade
A conservación da biodiversidade ocupan tamén unha parte destacada da revista. As páxinas da Cerna analizan os impactos das plantacións de eucalipto sobre os ecosistemas fluviais, as ferramentas para a conservación das brañas do centro-oeste da Coruña e o estado de saúde do lobo ibérico en Galiza. A revista achega tamén unha ollada ás potencialidades do fototrampeo como ferramenta para coñecer e protexer a fauna, a partir da experiencia nos Montes do Invernadeiro.
A educación ambiental á marxe da memoria oficial
No ámbito da educación ambiental, a Cerna 94 recupera un episodio practicamente esquecido: a Reunión Internacional de Expertos en Educación Ambiental celebrada no ano 2000 en Compostela, un evento de gran potencial e relevancia que ficou fóra da memoria institucional. A revista viaxa tamén ata a República Checa, onde ADEGA participou dunha experiencia de Erasmus+ con mocidade de diversidade de países.
O bloque de ecoloxismo incorpora unha denuncia do xenocidio perpetrado por Israel en Palestina e unha chamada á solidariedade galega con este pobo, da man de Rafa Vilar, coportavoz da plataforma Galiza pola Paz. Ademais, este número celebra os 50 anos de Adega e o recoñecemento do Premio Dragona Iberia 2025, concedido pola Fundación Nueva Cultura del Agua pola traxectoria da asociación na defensa dos ríos, o Proxecto Ríos e a loita contra o proxecto de Altri.
Publicidade
"As seccións habituais de recursos, flora e fauna, A-prender ou O lugar da poesía, que nos convidan a adentrármonos no mundo dos gaios de monte, dos longuicornios ou das ericas, pechan este número da Revista Cerna".
A publicación completa pode consultarse xa a través da páxina web de ADEGA e na plataforma ISSUU. Esta revista conta co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.








Comentarios