top of page

Activada a alerta amarela por precipitacións en boa parte das comarcas ao longo do día de hoxe

Ecos da Comarca/Xeral

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou desde esta medianoite e ao longo da xornada de hoxe, martes, alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 milímetros no noroeste, oeste e suroeste da Coruña e no interior de Pontevedra, así como ventos do suroeste rolando a oeste con rachas máximas ata 90 quilómetros por hora no noroeste da Coruña e na Mariña lucense.

Ademais, está activa unha alerta laranxa por temporal costeiro para a xornada de hoxe no litoral das provincias de A Coruña e Lugo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir de hoxe pola tarde dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa con vento do oeste forza 8 na Coruña -entre Prior e Bares- e na costa de Lugo con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros. Nas Rías Baixas o nivel de alerta será amarelo con mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros.


Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.


A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións .Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page