Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Aberta a inscrición para os cursos de formación que se impartirán no Corazón de Artesanía de Agolada

Celebrarase nos Pendellos os días 8, 9 e 10 de xullo e contará coa participación de 43 expositores de artesanía e 30 de produtos de alimentación


Laura Moure/Agolada

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación abre o prazo de inscrición do seu programa de formación especializada para artesáns que se vai desenvolver no Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra os días 8, 9 e 10 de xullo nos Pendellos de Agolada. Trátase de cinco cursos centrados no coiro, na xoiería, no bordado con la, na pasamanería e na cestería de esparto para os que é preciso inscrición previa na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia.


O mestre do coiro José Luis Bazán (Ubrique, Cádiz), Premio Nacional de Artesanía 2021, impartirá Técnicas de volume en coiro, no que compartirá os seus coñecementos sobre o material, as súas variedades e como darlle forma a diversos obxectos de coiro a partir de moldes feitos de madeiras, de rochas e doutros elementos. O custo deste curso son 50 euros e está dirixido a profesionais.


Noroeste Obradoiro, gañador do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021 pola súa colección “Línea” e do Premio Artesanía de Galicia 2016, dirixirá o curso de Engastado elemental de pedra natural non calibrado e composición de fornitura, que custará tamén 50 euros. Jose Castro e Antonio Ibáñez amosaranlle aos asistentes conceptos elementais do engastado de pedras naturais e as premisas que estes profesionais da xoiería empregan para a composición das súas fornituras. Este curso está dirixido a profesionais e estudantes do oficio da xoiería.


Sobre cestería con esparto falará a artesá Simone Simons (Chelva, Valencia). Ofrecerá información sobre a planta e a súa preparación para a cestería, sobre a cultura do esparto, o oficio e as técnicas téxtiles aplicadas. O custo será de 50 euros e diríxese tanto a profesionais como a público en xeral interesado na cestería con coñecementos previos.


O obradoiro Zeltia ao aire (A Coruña) impartirá un curso de Bordado ao aire, que terá un custo de 40 euros e consistirá na aprendizaxe básica da técnica do bordado ao aire mediante a elaboración de catro patróns cos recheos máis comúns. O curso está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado na pasamanería.

Estas actividades formativas celebraranse durante os tres días do Corazón da Artesanía, en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas, agás no caso do obradoiro de “Bordado en la”, impartido por Lola García do obradoiro Logaro (Ourense), que traballará cun grupo diferente cada día e terá un custo de 15 euros. As persoas asistentes aprenderán os puntos básicos e realizarán unha composición floral sobre unha mostra de tecido ou unha prenda tecida, co obxectivo de personalizala e darlle unha nova vida. Está dirixido a profesionais e a público en xeral interesado no bordado e no téxtil.


Obradoiros abertos

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas, a través dun amplo programa de actividades. Como xa é habitual, na programación do evento inclúense tamén obradoiros de carácter gratuíto, abertos ao público infantil e adulto.


A cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021, impartirá un obradoiro de cestería colaborativa, no que os asistentes crearán unha estrutura de vimbio mediante a técnica niño. Pola súa banda, o artesán Jorge Bellón (Cedeira) amosará como elaborar os sanandresiños, as figuras tradicionais de Santo Andrés de Teixido feitas con miga de pan; o obradoiro Artesanía Silvent (Caldas de Reis) aprenderalle aos asistentes como rematar xogos e xoguetes de madeira; e a Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanía A Escola (Gondomar) amosará como elaborar pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega.

Na programación atópanse tamén dous obradoiros dedicados ao tecido. Marina Seoane (Oleiros) dirixirá a elaboración colectiva de varios tapices téxtiles nun gran bastidor cúbico, e os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo) impartirán un obradoiro de tecido nunha máquina tricotosa circular.


O horario de todos estes obradoiros abertos coincide co horario do Corazón da Artesanía, de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e non requiren de inscrición previa.


NOTICIA RELACIONADA:

71 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE