top of page

O Corazón da Artesanía regresa ao enclave de Os Pendellos de Agolada do 8 ao 10 de xullo

Haberá obradoiros abertos para todos os públicos así como cursos especializados, como o de técnicas de coiro que impartirá José Luis Bazán, Premio Nacional de Artesanía 2021


Laura Moure/Agolada

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá en Agolada na presentación do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xullo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos. Tamén estiveron presentes o alcalde do municipio, Luis Calvo, o concelleiro de Obras, Pedro García, e a voceira do PP, Mari Carmen Seijas. O encontro, que chega á súa novena edición, busca configurarse como un gran escaparate de promoción e de posta en valor dos oficios tradicionais galegos.

ree
López, Seijas, Heredia, Calvo, Fabeiro e García na presentación.

“Despois de dous anos de parada pola pandemia, regresamos con máis actividades programadas tanto para o público especializado como para os visitantes que se queiran achegar e agardando a visita de prescritores de tendas e empresas de fóra de Galicia, así como de prensa especializada”, sinalou Heredia no acto de presentación.

Durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, showcookings e venda de produtos gastronómicos, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.

Entre as novidades desta edición destacan as actividades formativas que van impartir dous recoñecidos artesáns de fóra de Galicia: o mestre do coiro José Luis Bazán, Premio Nacional de Artesanía 2021, e Simone Simón, especializada na cestería con esparto. Tamén con inscrición previa serán os cursos de bordado en lá, a cargo de Logaro (Ourense); de xoiería, impartido por Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela), recentemente galardoado co Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2021; e bordado ao aire, que impartirá Zeltia ao aire (A Coruña).

Entre os obradoiros abertos a todos os públicos destacan o de cestería impartido por Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Premio Artesanía de Galicia 2021; o de elaboración de Sanandresiños a cargo de Jorge Bellón (Cedeira); o de tecido en alto lizo de Marina Seoane (Oleiros); o de remate de xoguetes de madeira, a cargo de Artesanía Silvent (Caldas de Reis); o de serigrafía artesanal con María José Martínez e José Antonio Carrera; e o de iniciación ao torno cerámico.

Máis de 35 obradoioros

Na edición deste ano está prevista a participación como expositores de máis de 35 obradoiros da marca Artesanía de Galicia, entre os que se atopan obradoiros que participan por primeira vez neste evento e que representan diferentes oficios como a olería, a madeira, a pedra, o téxtil, o coiro, os coitelos, a elaboración de zocos e de zapatos, os xoguetes, a cestería, os labores de palla, elaboración de papel artesanal, as redeiras, a xoiería e a ourivería, as colareiras, a elaboración de instrumentos musicais ou a cerámica.

O Corazón da Artesanía convértese cada ano nun evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. Como xa é habitual, o programa incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, un proxecto que ten por obxectivo de establecer sinerxías entre artesanía, gastronomía e deseño. No programa desta novena edición, está confirmada a participación dos chefs Lucía Freitas (A Tafona e Lume, Santiago de Compostela) – unha estrela Michelín e un Sol Repsol - ; Héctor López, do restaurante España (Lugo) – dous Soles Repsol – e Javier Rodríguez Ponte “Taky”, do Catering Boketé (A Coruña).

ree

Ademais, máis de 30 empresas de produtos de alimentación participarán na edición deste ano, ademais de food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos.

O programa do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia complétase con espectáculos e concertos musicais que terán lugar na Praza do Concello durante os tres días do evento.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page