Abel Losada critica que a Xunta non decretase o nivel 2 de emerxencias ante o temporal
- ecosdacomarca

- hace 30 minutos
- 5 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reiterou hoxe a petición de precaución á cidadanía diante da evolución das predicións meteorolóxicas para os vindeiros días, que
prolongan os avisos emitidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para a Comunidade Galega. Pedro Blanco desprazouse esta mañá á sede da Delegación en Galicia da AEMET, na Coruña, para repasar co delegado da AEMET, Francisco Infante, e o equipo de profesionais da Axencia o impacto da borrasca Joseph en Galicia e a evolución das predicións para as próximas horas. Alí estivo acompañado polo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, con quen percorreu as instalacións do edificio do
Observatorio da Coruña.
Pedro Blanco recoñeceu o labor dos homes e mulleres profesionais da AEMET nesta sucesión de borrascas que están a ter un gran impacto en Galicia. Lembrou que a AEMET é a encargada de emitir avisos sobre fenómenos meteorolóxicos extremos nun territorio.
Estes avisos son os que posteriormente, as autoridades de Protección Civil empregan para declarar alertas á poboación. “Un procedemento que é posible pola estreita colaboración que mantemos todas as Administracións implicadas”, recalcou o delegado, “como se está a ver nestas xornadas”. Tamén lembrou que a CH Miño-Sil aporta os datos en tempo real das máis de 50 estacións de medición que están localizadas nas concas dos ríos Miño, Sil e Limia. Ademais, a Delegación do Goberno participa nas reunións das Unidade de Valoración da Dirección Xeral de Protección Civil, que está activada diante desta sucesión de fenómenos adversos no conxunto de España.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

O delegado reiterou a disposición dos medios estatais ás autoridades autonómicas, provinciais e locais para facer fronte aos efectos destes fenómenos adversos en Galicia.
Finalmente, Pedro Blanco lembrou á poboación a relevancia de consultar de forma frecuente as fontes oficiais e contrastadas para anticipar calquera cambio na situación do tempo e seguir as recomendacións das autoridades.
Pola súa banda, Abel Losada, subdelegado do goberno en Pontevedra, critica que a Xunta non declarase o nivel 2 de emerxecia. "Segundo o INUNGAL, debe activarse cando a situación meteorolóxica supere a capacidade de actuación dos Concellos", recalca.
Pola súa banda, Abel Losada, subdelegado do goberno en Pontevedra, critica que a Xunta non declarase o nivel 2 de emerxecia. "Segundo o INUNGAL, debe activarse cando a situación meteorolóxica supere a capacidade de actuación dos Concellos", recalca.

Desde onte, o número de incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa foi en aumento sen que ningunha delas provocase danos graves. Deste xeito, o 112 Galicia supera, ás oito horas de hoxe, as 800 incidencias provocadas, fundamentalmente, pola climatoloxía.
Igualmente, o 112 Galicia sinala que "temos que ter en conta o número de accidentes de circulación rexistrados, porque, se ben non todos están relacionados coa meteoroloxía, si houbo, nas últimas horas, moitos sinistros ocasionados por obxectos e vexetación presentes na vía". Tanto árbores, como desprendementos de terra e pedras, así como a formación de fochancas nos pavimentos, poden causar colisións ou saídas de vía, polo que insistimos na necesidade de extremar a precaución durante a condución.
Neste senso, desde o día de onte, o 112 Galicia contabilizou un total de 4 accidentes nos que foi necesaria a intervención dos bombeiros para o rescate de persoas, 51 sinistros nos que houbo feridos, pero sen necesidade de excarceración e, finalmente, 79 sen feridos. Especialmente, nas primeiras horas do día de hoxe, sucederon moitas colisións debido á presenza de pólas, árbores, obxectos desprazados, desprendementos de terra e pedras e mesmo a formación de fochancas nos pavimentos.
Publicidade
Incidencias na circulación e riscos en vivendas
Ademais dos accidentes, debemos contar o número de intervencións dos equipos de emerxencias debido á caída de árbores (233), inundacións en estradas, rúas, bolsas de auga (89), caída de cables, postes, carteis e sinais de tráfico (72), obxectos desprazados na vía (56), desprendementos de terra e pedras (47), anegamentos en vivendas, garaxes e baixos comerciais (38), derrubamentos (14), fochancas (10). Por fortuna, ningunha destas incidencias derivou en danos persoais importantes, aínda que si materiais.
Deste xeito, cómpre sinalar senllas árbores que caeron enriba de dous vehículos en Ponteareas (EP-4005) e en Castro de Rei (LUP-1611), o anegamento dunha vivenda e o aparcamento do colexio Xacinto Amigo Leira, en Val do Dubra. Tamén, o desbordamento do río Umia en Caldas de Reis, que afectou a varios vehículos estacionados e garaxes. Ademais, algúns condutores foron sorprendidos por riadas ou desbordamentos de ríos próximos, como aconteceu en Viveiro e en Portas. Por último, o vento levantou o tellado dunha casa en Salvaterra de Miño e do cuartel da Garda Civil en Sanxenxo.
Por provincias
En canto ao reparto de incidencias por provincias, destaca Pontevedra con 384, A Coruña con 268, Lugo con 95 e Ourense con 64.
ACTUALIZACIÓN: Lembramos que permanece activo o Plan Inungal. Arestora, o foco está posto nos elevados caudais dos seguintes ríos:
O río Mandeo en Coirós, o Anllóns en Cabana de Bergantiños, o Río Grande en Vimianzo, o Tambre en Oroso, Santiago e Trazo, o Ulla en Bertamiráns (Ames) e en Pobra do Caramiñal, o Umia en Ribadumia, Cambados, Vilanova e Caldas de Reis e en Cuntis, o Lérez en Sanxenxo e o Verdugo en Redondela, o Mera en Ortigueira e o Ouro en Foz.
O río Tea en Mondariz e Ponteareas, o Arnoia en Baños de Molgas e o Ladra en Insua (Lugo) . Máis información aquí.
Publicidade
A Garda Civil, en coordinación con Protección Civil, realizou un auxilio humanitario no rescate dun condutor que quedara atrapado no seu vehículo, parcialmente mergullado, nunha estrada secundaria próximo ao río Chaín, no municipio de Portas (Pontevedra). A intervención iniciouse tras recibirse un aviso de emerxencia que alertaba dun turismo inmobilizado nunha zona de difícil acceso.
Unha patrulla da USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia) que se atopaba nas inmediacións acudiu de inmediato ao momento sinalado, mobilizándose tamén efectivos de Protección Civil e outra patrulla do Posto de Caldas de Reis. Á chegada ao lugar os axentes comprobaron que o vehículo permanecía encaixado nun lateral da vía e parcialmente mergullado, nunha contorna condicionada pola presenza de fortes correntes de auga, o que impedía que o condutor puidese abandonar o turismo polos seus propios medios.

Ante o risco existente, procedeuse a asegurar á persoa atrapada e a estabilizar o vehículo antes de iniciar as manobras de extracción. O rescate requiriu o emprego dun segundo vehículo e unha eslinga para efectuar o remolque, mentres os intervenientes realizaban manobras de empuxe para liberar o turismo do noiro no que quedara atrapado. Unha vez incorporado á calzada, constatouse que o tramo se atopaba desbordado, polo que o vehículo foi retirado da zona de perigo e trasladado a un punto seguro. O condutor atopábase consciente, aínda que nervioso e con síntomas leves de hipotermia, non sendo necesaria asistencia sanitaria.








Comentarios